Os conselleiros do Mar e de Promoción do Emprego e Igualdade asisten na Coruña á Gala COE de ‘O Peirao’

A Xunta enxalza a profesionalización e o papel trascendental das redeiras no sector pesqueiro e a súa contribución no conxunto da cadea mar industria

Alfonso Villares felicitou ao colectivo por lograr unha reivindicación histórica na mellora das condicións de xubilación na que contaron co apoio do Executivo galego

Elena Rivo enxalzou a conquista de dereitos deste colectivo profesional e apostou por que continúen coa súa formación e diversificación a novas áreas como a moda

A federación, fundada no 2004, agrupa a 142 profesionais de 8 asociacións de redeiras de toda Galicia, co obxectivo de dignificar e visibilizar esta profesión
 

A Coruña, 21 de outubro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, enxalzou o traballo desenvolvido pola Federación Galega de Redeiras Artesás ‘O Peirao’ a prol da igualdade e a profesionalización da súa actividade á vez que celebrou a conquista histórica do colectivo na mellora das súas condicións na xubilación co recoñecemento do coeficiente reductor, unha das súas demandas históricas apoiada tamén pola Consellería do Mar. Alfonso Villares realizou estas manifestacións na celebración da Gala COE organizada pola federación á que tamén asistiu a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena RIvo, na capital herculina.

O conselleiro do Mar salientou o papel protagonista das redeiras na actividade pesqueira galega, cunha ampla tradición e arraigo cultural que adquiriu unha transcendencia innegable no sector, resultando unha figura indispensable na estampa marítima de Galicia. Facendo seu o lema do colectivo, “sen pesca non hai redes, e sen redes non hai pesca”, tamén destacou o fundamental desta actividade para o sector pesqueiro e as puxo de exemplo de asociacionismo feminino comprometido e traballador.

O titular de Mar recoñeceu a labor destas profesionais en favor da remuda xeracional, avanzando cara a igualdade para asegurar cas novas xeracións se sintan atraídas por unha actividade cunha presenza maioritariamente feminina, ocupando máis do 90% dos empregos. Ademais, manifestou como o compromiso da Xunta de Galicia de continuar traballando dende a colaboración institucional na formación, información e mellora das condicións de traballo destas profesionais.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, pola súa banda, tras poñer en valor o esforzo das redeiras ao longo dos anos, destacou a importancia de profesionalizar o sector a través dunha formación especializada e de diversificalo para a apertura de novas oportunidades de negocio a través doutros ámbitos como son a moda, os complementos ou a decoración. Así mesmo, incidiu en que a prevención de riscos laborais é clave para evitar as doenzas das enfermidades profesionais propias deste oficio.

Elena Rivo, ademais, afirmou que o Goberno galego seguirá a deseñar programas para dignificar a profesión das redeiras e para impulsar o relevo xeracional para que un dos oficios mariñeiros máis antigos continúe a formar parte do patrimonio cultural galego. Para rematar, e tras salientar que as redeiras son exemplo para as mulleres galegas, animounas a seguir conquistando dereitos que permitan ás vindeiras xeracións un traballo con máis calidade.

Galardón a redeiras xubiladas

O evento estivo marcado polo recoñecemento do coeficiente redutor a estas profesionais na xubilación polo que a homenaxe ás oito compañeiras retiradas este ano tivo aínda máis valor simbólico, se cabe. A Consellería do Mar estivo moi involucrada nesta reivindicación ante a necesidade de revisalos e adaptalos aos diferentes segmentos do sector, especialmente aqueles moi feminizados, unificando as circunstancias a efectos laborais e de xubilación.

A Federación Galega de Redeiras Artesás ‘O Peirao’, agrupa a preto de 150 profesionais e está composta por oitos asociacións: Atalaia- A Guarda, Cariño, Cedeira, O Cerco- Cangas,  Illa da Estrela- Corme, O Feital- Malpica, Portosín e Virxe do Carme- Porto do Son. Naceu co obxectivo de dar a coñecer o oficio de redeira e mellorar a profesión dende tódolos ámbitos, das condicións de traballo á saúde, salarios, cobertura social, relacións co entorno e o seu impacto sobre o medio ambiente. Entre os seus logros está a mellora das condición socio-laborais das redeiras, a implantación a nivel nacional dun certificado de profesionalidade e a diversificación da súa actividade para complementar os seus ingresos en períodos de inactividade mediante accións cofinanciadas pola Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/10/2023