A Xunta ten en marcha os procesos para dotar de praza estable a máis de 80 fisioterapeutas na sanidade pública galega

O titular da carteira de Sanidade salienta o reforzo de 50 prazas desta categoría nos centros de saúde durante os últimos anos

Así o sinala na inauguración das terceiras xornadas da Sociedade Galega de Fisioterapeutas, celebrada no Hospital Álvaro Cunqueiro
 

Vigo, 21 de outubro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, resaltou a importancia que ten a fisioterapia para o Sergas. Por iso, dentro do Plan galego de atención primaria 2019-2021, nos últimos tres anos a Xunta creou 40 prazas de fisioterapia, e no pasado ano ampliouse nos presupostos a creación de 13 novas prazas. É dicir, nos últimos anos reforzouse con máis de 50 prazas esta categoría nos centros de saúde. Ademais, -remarcou o conselleiro-, “a comezos de este ano levouse a cabo un proceso de estabilización ao convocar 84 prazas fixas”.

O máximo responsable do Sergas, inaugurou hoxe, no Hospital Álvaro Cunqueiro, as III Xornadas da Sociedade Galega de Fisioterapeutas (SOGAFI), nun acto ao que tamén asistiu o xerente da área sanitaria, Javier Puente Prieto, e no que o titular da carteira sanitaria puxo de manifesto a importancia desta disciplina, que se manifesta no excelente complemento que é para moitas doenzas, “tanto para curalas como para mellorar a calidade de vida dos pacientes”.

A Xunta quere dar a relevancia que se merece esta disciplina no Sergas e na atención primaria. Ao respecto, o Goberno galego puxo en marcha o novo sistema de xestión integrada, XIDE, activo no 70% dos centros de saúde galegos, que permite optimizar e regular o acceso ás citas no primeiro nivel asistencial e dirixir ao paciente, baixo a súa demanda, ao fisioterapeuta, sen a intermediación doutro profesional.

O conselleiro dixo que, desde o seu departamento, “estase a traballar actualmente para homoxeneizar a actividade das axendas de fisioterapia e establecer un conxunto de normas que rexan os criterios de calidade nesta disciplina”.

Comesaña remarcou que Sanidade acaba de establecer un proxecto piloto no centro de saúde pontevedrés Virxe Peregrina, que permite a interconsulta entre os profesionais de medicina de familia e de fisioterapia, é dicir, dixitalízase o proceso de seguimento compartido dun paciente entre o médico de familia e o fisioterapeuta.

Comesaña rematou a súa intervención remarcando que “desde a Xunta seguiremos a traballar para que os profesionais desta disciplina, grazas ao seu labor e coñecementos, continúen constituíndo unha peza fundamental do bo funcionamento do Sergas”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/10/2023