O CGAC acolleu esta tarde unha charla—coloquio sobre este ámbito no marco do programa Xuventude Crea da Consellería de Política Social e Xuventude

A Xunta promociona a arte urbana entre a mocidade cun coloquio da man da artista internacional Lady Pink

A directora xeral de Xuventude, Participación e Xuventude, Cristina Pichel, destacou o papel do Xuventude Crea para favorecer o inicio de carreiras artísticas e impulsar a proxección da xente nova

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou hoxe a importancia de que a xente moza teña a oportunidade de expresar o seu talento e de amosalo ao público. Díxoo nunha conferencia—coloquio sobre arte urbana, que se celebrou esta tarde no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e que contou coa participación de Lady Pink, pioneira do graffiti con recoñecemento internacional e cuxos traballos entraron en coleccións como o Whitney Museum, o MET NYC, a Tate Modern en Londres ou o MoMA NYC, entre outras

A directora xeral subliñou que “hai moitos nomes propios neste sector que pasaron polo Xuventude Crea, persoas que continuaron as súas carreiras artísticas con éxito e con moito traballo detrás”, en alusión a artistas como Sax, Mon Devane ou Iria Fabián.

Pola súa banda Lady Pink contou os seus inicios e experiencias neste campo artístico. O acto tamén contou coa presenza da graffiteira galega Sax; a comisaria do festival Delas Fest, Clara Rodríguez Cordeiro; o comisario e director da galería ‘Canal Gallery’ de Barcelona, Balau; e a doutoranda en Historia da Arte e comisaria de exposicións, Amabel González Troncoso.

Final de arte urbana na Alameda

Este evento enmárcase no programa Xuventude Crea, que mañá celebra na alameda de Santiago a súa primeira fase final deste 2023 na categoría de arte urbana, coa participación de oito novos creadores que farán en directo os seus traballos. Lady Pink asistirá como convidada como xurado, o que lle dá mais relevancia a un certame que leva catorce edicións promovendo o enxeño da mocidade galega en diferentes disciplinas

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2023