A Xunta destaca as políticas galegas para a prevención das enfermidades respiratorias ante especialistas da nosa comunidade e do norte de Portugal

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas inaugura a L reunión anual da Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria e XXXV reunión Galaico-Duriense

Jorge Aboal lembra a aprobación neste ano do Plan Inspira Saúde para loitar contra o tabaquismo, ou a inclusión do VRS no calendario de inmunizacións
 

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2023

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, remarcou hoxe, na Reunión anual da Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria e XXXV Reunión Galaico-Duriense, que Sanidade traballa en ofrecer os recursos necesarios á cidadanía galega para protexer a súa saúde promovendo programas, actividades e accións co obxecto de incidir na concienciación sobre o consumo de tabaco. 

Ao respecto, Aboal dixo que tanto a Rede galega de praias sen fume como a de parques sen fume teñen un fin educativo e de sensibilización social, salientando a importancia da conduta da poboación adulta para que sirva de modelo aos máis novos. Na actualidade, 80 concellos forman parte do Programa praias sen fume e 18 da rede de parques sen fume.

Destacou, igualmente Aboal, a creación nestes ano, por parte da Xunta, do Plan Inspira Saúde co obxectivo de reducir a prevalencia do consumo de tabaco diario na poboación adulta por baixo do 15% no 2027 e nos adolescentes por baixo do 5%. Unha das súas liñas estratéxicas é o desenvolvemento dun programa pioneiro de diagnóstico precoz do cancro de pulmón para o que se empregarán ferramentas de intelixencia artificial que permitirán estratificar o risco do paciente a padecer a enfermidade.

Xunto ao anterior, Sanidade fixo melloras no calendario de inmunización coas que protexer máis á poboación de patoloxías respiratorias. No caso da cativada, contra o virus sincitial e, no caso dos maiores, coa mellora da vacina do pneumococo, o que converte ao calendario de inmunización galego como o máis completo de España.

Este calendario, dixo o director xeral, forma parte da aposta decidida da Xunta pola prevención, cun importante aumento de orzamento este ano e o que vén. Así, o Goberno galego destinará preto de 40 millóns de euros ao Programa galego de vacinación, máis do dobre do que se destinaba ao comezo da lexislatura.

Procesos asistenciais integrados e vía rápida

Tamén subliñou o director xeral a recente actualización do Proceso Asistencial Integrado (PAI) de Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC), que engade como principal novidade a perspectiva de xénero no diagnóstico e tratamento. Ao respecto, un equipo multidisciplinar de máis de 20 profesionais da sanidade pública galega elaborou unha actualización do PAI de EPOC co obxectivo de reducir os niveis de infradiagnóstico estimado entre as mulleres (86%), xa que é máis elevado que en homes (67,6%).

Xunto ao anterior, Aboal falou tamén do novo Proceso Asistencial Integrado do Déficit de Alfa 1 Antitripsina, un documento que converte a Galicia na primeira comunidade autónoma en contar cunha ferramenta sanitaria específica para esta patoloxía. O déficit de Alfa-1 Antitripsina (DAAT), é unha condición xenética, pouco frecuente e infradiagnosticada, que predispón ao desenvolvemento de enfisemas pulmonares.

Ademais, o director xeral remarcou que o Sergas atendeu un total de 2.225 pacientes no ano pasado, cunha demora inferior a unha semana, a través da vía rápida de cancro de pulmón que a Xunta creou dentro do Sergas para acelerar a atención a esta patoloxía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2023