A Xunta licita por preto de 135.000 € a obra de humanización da contorna da praza da Ermida, en Covelo

A intervención consistirá no redeseño da rede viaria, na instalación de mobiliario urbano e na corrección de impactos paisaxísticos, entre outros traballos

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2023

A Xunta acaba de licitar por preto de 135.000 euros a humanización da contorna da praza da Ermida, tal e como recolle o convenio asinado o pasado mes de setembro pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Pablo Castillo.

Esta actuación, que conta cun prazo de execución de 4 meses, ten como obxectivo mellorar a accesibilidade e humanizar a praza e o camiño da Ermida, na parroquia de Santiago de Covelo, e consistirá no redeseño da rede viaria, así como na instalación dunha varanda para separar a praza da estrada. A maiores, tamén se levarán a cabo actuacións mínimas na topografía para mellorar os accesos rodados, suavizar pendentes peonís e procurar percorridos adaptados.

Tamén se renovará a pavimentación da praza e do camiño ao Pazo da Cruz, instalarase novo mobiliario -banco, papeleira, fonte e xardineiras-, drenarase a auga de choiva e corrixiranse impactos paisaxísticos.

A intervención acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, a Xunta financiará o 70 % da obra e o concello asumirá o 30 % restante.

Nesa liña, cómpre subliñar que, grazas aos acordos de cooperación asinados no marco do Plan hurbe, desde o ano 2010 mobilizáronse ao redor de 165 millóns de euros para financiar máis de 415 intervencións urbanísticas. De feito, o concello de Covelo xa levou a cabo a mellora do parque público da Maceira ao abeiro desta liña de financiamento.

Data de actualización: 21/10/2023