O investimento per cápita previsto na provincia supera os 237 euros

Os orzamentos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para o ano 2024 na provincia da Coruña acadan preto de 266 M€

A Xunta destinará 111 M€ a avanzar na vertebración territorial e na mellora das estradas convencionais, con case 21 M€ dirixidos á conservación de estradas, supresión de tramos de concentración de accidentes ou mellora da mobilidade

Destacan as partida destinadas á prolongación do primeiro treito da autovía Santiago-A Estrada, con máis de 10 M€; 8 M€ a avanzar na VAC Costa Norte e nas melloras complementarias das estradas desas comarcas; 2 M€ para a VAP Baio-Berdoias; e 1 M€ para avanzar na conversión en autovía do corredor Brión-Noia

Avanzarase na recuperación das fachadas marítimas con 1,5 M€ para o proxecto ‘Abrir Ferrol ao mar’ e máis de 2, 6 M€ para o fomento da mobilidade sostible no Porto; así como 1,45 M€ para cumprir os compromisos nos peiraos interiores da Coruña

Intensificarase a aposta pola mobilidade sostible e impulsaranse as actuacións nas contornas urbanas, como o itinerario que unirá O Milladoiro, a intermodal de Santiago, San Caetano e o CHUS, que disporá en 2024 dun investimento de 2 M€

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2032 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá o vindeiro ano 265,69 millóns de euros na provincia da Coruña, o que supón un investimento per cápita de algo máis de 237 euros, segundo recolle o proxecto de Lei de Orzamentos da Xunta para 2024, remitido esta mañá ao Parlamento galego.

As actuacións en materia de infraestruturas viarias suman a contía orzamentaria máis elevada, cun investimento que supera os 111 millóns de euros, que permitirán avanzar na vertebración territorial e na mellora, conservación e mantemento da rede viaria autonómica.

Un exemplo claro desta liña de traballo é a consignación de 10,2 M€ nos orzamentos do vindeiro ano ao impulso do primeiro tramo de prolongación da autovía Santiago-A Estrada (AG-59) entre A Ramallosa e A Estrada, prevendo partidas plurianuais por importe doutros 55 M€.

Para avanzar  na VAC da Costa Norte no treito entre a AG-64 e Sanguiñeira prevese un investimento de 4 M€, e compromisos plurianuais que acadan outros 39 M€ de investimento. Esta partida completarase cos outros 4 M€ consignados para mellorar a accesibilidade nas comarcas de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña, actuando nas estradas convencionais AC-862 e LU-540, para as que se recollen compromisos futuros por importe de máis de 25 M€.

Destaca o gasto previsto na vía de alta prestación entre Baio e Berdoias, dando continuidade á Autovía da Costa da Morte, cunha partida en 2024 de 2 M€ e con 40 millóns previstos entre os anos 2025 e 2027.

Para avanzar na conversión en autovía da vía de altas prestacións Brión-Noia resérvase un investimento en 2024 de 1 M€ e compromisos plurianuais futuros de 20 M€.

Ademais os orzamentos para o vindeiro anos recollen unha partida de 0,75 M€ para o acondicionamento da estrada AC-406, no tramo Portomouro-Santa Comba. Ao tempo, avanzarase no impulso da Variante de Ribeira, cunha partida de 0,5 M€; e na Variante de Carballo, cunha dotación nas contas do vindeiro ano de 0,5 M€ e compromisos plurianuais de 22 M€.

Nas contas autonómicas resérvase, ademais, un orzamento de 1,4 M€ para a mellora da mobilidade peonil na AC-840 en Oza-Cesuras e inclúese unha partida específica para a execución de medidas ambientais na autovía Ferrol-Vilalba (AG-64), ás que se destinarán o vindeiro ano 0,95 M€.

No marco da aposta da Xunta pola recuperación das fachadas marítimas, as contas autonómicas para o vindeiro exercicio recollen investimentos por máis de 2,6 M€ na colaboración coa Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao no acondicionamento da fachada marítima da cidade de Ferrol; ademais de 1,5 M€ para o proxecto ‘Abrir Ferrol ao Mar’, en colaboración co Concello. Para avanzar na recuperación da fachada marítima da Coruña recóllese en 2024 un investimento de 1,45 M€ e partidas plurianuais futuras por importe de 18,5 M€, sumando o orzamento comprometido polo Goberno galego para este fin.

Os Orzamentos tamén recollen unha importante partida de 19,1 M€ para continuar o impulso do novo complexo administrativo Cidade de San Caetano, cuxas obras xa se iniciaron.

Nas contas autonómicas a seguridade viaria mantense como unha materia prioritaria para a Consellería de Infraestruturas, que en 2024 destinará case 21 M€ na provincia. Nesta partida inclúense actuacións de conservación, vialidade invernal, mellora de firmes, supresión de tramos de concentración de accidentes ou mellora da mobilidade sostible urbana e interurbana a través de sendas peonís e ciclistas.

En materia de estradas, os orzamentos para o 2024 destinarán 750.000 € ao impulso da dixitalización da rede viaria autonómica da provincia e 810.000 € para o plan de acción contra o ruído nas estradas de titularidade autonómica.

Infraestruturas sanitarias

O vindeiro ano, a Consellería de Infraestruturas continuará executando actuacións no ámbito dos equipamentos sanitarios, cuxos investimentos se elevan aos preto de 78 M€ e se recollen especificamente nos Orzamentos da Consellería de Sanidade.

Así, destacan as partidas de máis de 41,1 M€ para avanzar nas obras do novo Hospital Público da Coruña, que permitirán seguir avanzando no impulso desta actuación estratéxica, toda vez que este outono se adxudicarán os contratos dos accesos, da demolición do Hotel do Doente e da construción da Torre Polivalente.

Tamén se continuará avanzando na reforma do Complexo Hospitalario de Ferrol, á que en 2024 se destina un investimento de 19 M€. Para as obras do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago resérvase unha partida de 15,2 M€, que se completa co orzamento do equipamento e do centro de Protonterapia, tamén nas Contas da Consellería de Sanidade.

A Axencia Galega de Infraestruturas encargarase, ademais, da execución dos centros de saúde de Abegondo e Noia que teñen consignado un orzamento de 2 M€, 400.000€ e 200.000 €, respectivamente.

Mobilidade

No eido do transporte, a Dirección Xeral de Mobilidade disporá o próximo ano dun orzamento territorializado na provincia de 71,76 M€, dos que preto de 23 M€ estarán destinados ao Plan de Transporte Público de Galicia, para garantir a prestación dun servizo eficiente e de calidade aos cidadáns. Para manter as vantaxes do transporte metropolitano nas áreas da Coruña, Ferrol e Santiago destinaranse 6,7 M€ e 4 M€ irán destinados a manter a gratuidade para os menores de 21 anos da provincia no transporte público autonómico, que no caso da área de Ferrol tamén inclúe o Feve.

De xeito paralelo á mellora dos servizos de transporte público, a Xunta seguirá traballando no reforzo das infraestruturas que fomenten a intermodalidade.

Así, no vindeiro ano destinaranse preto de 15 M€ a seguir avanzando na execución das obras da estación intermodal da Coruña, xa en marcha, e cun compromiso de gasto no ano 2025 de case 9,3 M€.

Os orzamento tamén recollen un investimento de 0,12 M€ para progresar no proxecto da estación de autobuses intermodal de Ferrol, que cómpre dunha aposta decidida por parte do Goberno central.

Tamén na cidade de Ferrol, resérvase unha partida de 0,28 M€ para a execución do aparcadoiro disuasorio de San Xoán.

Continuarase, ademais coa mellora da accesibilidade e conectividade das paradas de autobús na rede autonómica da provincia, concretamente nas rutas de Santiago norte e Santiago sur; na de Coruña oeste, A Coruña norte e área de Ferrol, que suman unha partida total de 7,5 M€.

Na liña da aposta pola mobilidade sostible como un dos eixes de traballo da Consellería de Infraestruturas, as contas autonómicas de 2024 inclúen unha partida de case 6,4 M€ para executar o itinerario que comunicará O Milladoiro, a estación intermodal, San Caetano e o CHUS, en Santiago de Compostela.

Actuacións hidráulicas

En relación ás actuacións hidráulicas, Augas de Galicia contará cun orzamento de máis de 62,5 M€ para apoiar aos concellos da provincia nunha xestión máis eficiente, integral e profesional dos servizos de saneamento, abastecemento e depuración, de competencia municipal.

No que se refire ao saneamento, as conta autonómicas permitirán acometer actuacións como a mellora do sistema de saneamento de Sada, con máis de 4 M€ consignados en 2024 e con compromisos plurianuais de 5 M€; para avanzar na segunda e terceira fases das obras de mellora de saneamento en Cabanas e Pontedeume 2,33 M€, ademais de 370.000 € para a depuradora de Ver.

Á mellora do sistema de saneamento nos concellos de Cee e Corcubión destinaranse 3,52 M€.

Para o cofinanciamento da depuradora da Silvouta en Santiago prevese en 2024 unha partida de 1,62 M€.

No concello de Ferrol, resérvanse 600.000 € para executar as obras do colector interceptor do río Sardiña, ademais de 410.000 euros para a mellora do saneamento no rural, en colaboración co Concello, e partidas plurianuais para esta actuación de máis de 12 M€.

Os orzamentos autonómicos do vindeiro exercicio tamén posibilitarán avanzar noutras intervencións como a mellora da rede de saneamento e depuradora nos lugares de Devesa, A Silva, Berrimes , Quintáns e Costa, en Lousame, cun investimento de 120.000 euros; na depuradora de Queiruga, en Porto do Son, con 600.000 € de investimento; na dotación de saneamento a distintos núcleos de Padrón, con 380.000 € de investimento; ou na mellora do saneamento do concello de Rois, con 300.000 euros.

Investiranse, ademais, 620.000 euros na rede de saneamento e depuradora para tres parroquias do concello do Pino; mellorarase o saneamento e depuración nas parroquias de Larín e Monteagudo, no rural do concello de Arteixo, que conta cunha partida para o vindeiro ano de 0,50 M€; e avanzarase na mellora do saneamento e depuración en Noia, cun investimento de 1,74 M€.

En relación ao abastecemento, as contas da Xunta do vindeiro ano suman máis de 13 M€ para actuacións nesta materia. Destacan intervencións como a mellora do abastecemento no sistema da marxe dereita da ría de Arousa cunha partida de 6,91 M€; a mellora do sistema de abastecemento de Noia, para o que se reserva para o vindeiro ano 1,37 M€; ou a partida de 1,57 M€ para o abastecemento do núcleo de Teixeiro, en Curtis.

Neste eido, o orzamento de Augas de Galicia de 2024 recolle tamén partidas para a mellora do sistema de abastecemento de Ares, cun investimento de 0,97 M€ en 2024 e un compromiso de investimento futuro de 3,2 M€; 900.000 euros para a primeira fase de mellora da rede e abastecemento da Laracha; 540.000 euros para o abastecemento a Nantón e Anos, en Cabanas de Bergantiños; ou 310.000 euros para o treito II de conexión de Morás, en Arteixo. Tamén se inclúe un investimento de preto de 500.000 euros para a mellora do sistema de abastecemento de Betanzos.

Augas de Galicia seguirá traballando en novas actuacións no marco do Plan de Xestión de Risco de Inundacións, destinando partidas de máis de 6 M€ para avanzar nos traballos que minimicen o risco de asolagamentos no río Anllóns, en Carballo, cun investimento de 5,4 M€; ou na contorna dos ríos Ulla e Sar, en Padrón e Valga, con 660.000 euros. Ademais, resérvase unha partida de 520.000 euros para a elaboración do Plan de Xestión de Risco de Inundacións noutras áreas de influencia do río Ulla-Sar.

Data de actualización: 20/10/2023