O investimento per cápita previsto nesta provincia acada os 249 euros

Os orzamentos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para 2024 superarán os 80,6 M€ na provincia de Lugo

A partida máis elevada, 35,25 M€, destínase a infraestruturas viarias o que permitirá, entre outras actuacións, impulsar con consenso a Rolda Leste na cidade de Lugo, con 5 M€ en 2024 e compromisos plurianuais para os vindeiros exercicios doutros 15 M€

A Xunta mantén a súa aposta por seguir avanzando na conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria, con compromisos totais de gasto por máis de 35 M€

Tamén se inclúen partidas para a VAC Costa Norte e melloras na vía LU-540 na aposta pola mellora das comunicacións de Ferrol, Ortegal e A Mariña, con 4 M€ en 2024 e partidas plurianuais por importe de 20 M€

As contas permitirán avanzar no acondicionamento e reconstrución da LU-651 en Folgoso do Courel, cunha dotación de 3 M€ en 2024 e partidas plurianuais de 11 M€; e na estrada LU-231, no eixe Begonte-Friol-Palas de Rei, con 2 M€ en 2024

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá no vindeiro ano 80,67 millóns de euros na provincia de Lugo, segundo recolle o proxecto de Lei de Orzamentos do 2024 remitido hoxe ao Parlamento galego. As contas autonómicas prevén un investimento na provincia de case 249 euros por habitante.

As actuacións en materia de infraestruturas viarias reciben a partida orzamentaria máis elevada da Consellería nesta provincia, cun investimento de 35,25 M€.

Con estes investimentos, a Xunta segue a traballar para impulsar con consenso unha infraestrutura estratéxica para a cidade de Lugo, como é a Rolda Leste cunha partida de 5 M€, e con compromisos de gasto nos seguintes exercicios por outros 15 M€.

Tamén se seguirá avanzando no acondicionamento e reconstrución da LU-651 en Folgoso do Courel cunha dotación no vindeiro exercicio de 3 M€ e partidas plurianuais de 11 M€; e na estrada LU-231, no eixe Begonte-Friol-Palas de Rei, cun investimento en 2024 de 2 M€ e outros 2 M€ previstos en 2025.

Nas contas do vindeiro ano, tamén se inclúe a VAC Costa Norte e melloras na vía LU-540 na aposta pola mellora das comunicacións de Ferrol, Ortegal e A Mariña para o que se dispón dunha partida de 4 M€ e partidas plurianuais por importe de 20 M€.  

A Xunta mantén a súa aposta por seguir avanzando na conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria, cun investimento de 500.000 € en 2024 e compromisos futuros por importe de 35 M€.

Tamén se recollen actuacións como o Plan Paradai ou o acceso ao porto seco de Monforte, cunha partida de 500.000 euros para cada unha das intervencións, nas que a Xunta avanzará cando se conte coas autorizacións por parte dos organismos estatais implicados.

A seguridade viaria segue a ser unha materia prioritaria para a Consellería de Infraestruturas, que en 2024 destinará máis de 12 M€ a obras de conservación, vialidade invernal, mellora de firmes ou eliminación de tramos de concentración de accidentes.

O compromiso da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade no fomento da mobilidade sostible e segura e na execución de sendas peonís e ciclistas está reflexada tamén nos orzamento do vindeiro ano, destinando ás distintas actuacións na provincia 4,4 M€ que permitirán impulsar itinerarios como na LU-617 en Pantón.

O Goberno galego promoverá a dixitalización na rede viaria da provincia, poñendo á disposición da cidadanía a información para avanzar cara a unha mobilidade dixital e conectada, para o que se estima un investimento de 600.000 euros.

Infraestruturas sanitarias

O vindeiro ano, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade seguirá executando actuacións no ámbito das infraestruturas sanitarias na provincia, cuxos investimentos figuran nos Orzamentos da Consellería de Sanidade.

A construción de centros de saúde seguirá sendo un dos puntos centrais nesta liña de acción. Así, tras o remate recente da construción en Lugo do 1º Centro Integral de Saúde de Galicia, no barrio da Residencia, as contas para o 2024 recollen unha partida de 700.000 euros para iniciar as obras no centro de saúde da Milagrosa, que serán executadas pola Axencia Galega de Infraestruturas. Tamén se recolle nestes orzamentos o centro de saúde de Antas de Ulla, ao que se destinará 1 M€.

Mobilidade

En relación ao eido do transporte, a Dirección Xeral de Mobilidade investirá o próximo ano 28,29 M€ na provincia, dos que 15,22 M€ se destinarán ao mantemento dos servizos do Plan de Transporte Público de Galicia para garantir a prestación de servizos que respondan mellor ás necesidades dos cidadáns e 2,2 M€ ao plan de transporte metropolitano na área de Lugo. Ao mantemento da gratuidade no transporte público autonómico para os menores de 21 anos da provincia que empreguen a tarxeta Xente Nova resérvase un investimento de 1,35 M€ no vindeiro exercicio.

Nos orzamentos destaca o investimento de 5,75 M€ previsto para iniciar e avanzar na execución das obras da estación de autobuses da intermodal, que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé licitar este mesmo outono e teñen consignado un orzamento global de preto de 14 M€.

As contas para o vindeiro ano recollen, ademais, unha partida de 740.000 euros que completan o investimento para executar as obras do aparcadoiro disuasorio na  avenida de Breogán, en Lugo, que se veñen de iniciar.

Continuarase, tamén, coa mellora da accesibilidade e da conectividade das paradas de autobús na rede viaria autonómica o paso das rutas de acceso polo norte á cidade de Lugo, así como co reforzo da mobilidade sostible, con actuacións ás que se dirixirán máis de 2 M€.

A Xunta tamén impulsará o estacionamento seguro para os transportistas e avanzará nun plan de mellora da eficiencia enerxética das estacións de autobuses a través do plan Eco-Stacións.

Actuacións hidráulicas

En relación ás actuacións hidráulicas, Augas de Galicia disporá dun orzamento de 15 M€ para continuar prestando apoio técnico e financeiro aos concellos nos servizos de saneamento, abastecemento e depuración, que son de competencia local.

A Xunta seguirá avanzando no impulso da depuradora de Foz, cunha partida de 5,69 M€ para o vindeiro ano e cun plurianual en 2025 de 2,91 M€, unha intervención que posibilitará triplicar a poboación servida e multiplicar por 9 a capacidade de tratamento actual.

Tamén na comarca da Mariña, as contas recollen a mellora das redes de saneamento e a nova depuradora de Burela cun investimento de 2,69 M€ e partidas plurianuais de preto de 7,9 M€.

Ademais, os orzamentos recollen o investimento total de 2,4 M€ no saneamento do núcleo de Esperante, en Lugo; case 1,6 M€ para o vindeiro ano na 1ª fase de mellora do saneamento e da depuración en Monterroso, e o compromiso para o vindeiro 2025 de 2,11 M€; ou 240.000 para a nova depuradora de Outeiro de Rei e partidas plurianuais de 2 M€, un concello onde tamén se prevé completar a mellora do abastecemento.

A xestión do risco de inundacións continuará sendo tamén unha materia estratéxica para Augas de Galicia, destinándose unha partida de 660.000 euros para colaborar co Concello de Viveiro na protección e adaptación ambiental na área fluvial identificada de risco potencial de inundacións de Fontecova. Nesta liña de eliminar riscos de inundacións e de recuperación do hábitat fluvial tamén se inclúe a demolición dun azud no río Landro-Miñotos, en Ourol.

Ademais, as contas recollen preto de 900.000 euros para o seguimento e control en materia de vertidos e mantemento e conservación das augas no ámbito da demarcación Galicia-Costa na provincia.

Data de actualización: 20/10/2023