O investimento per cápita previsto nesta provincia supera os 225 euros

Os orzamentos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na provincia de Ourense para 2024 acadan preto de 70 M€

A partida máis elevada, 41 M€, destínase a infraestruturas viarias, o que permitirá, entre outras actuacións, impulsar a mellora da OU-533 entre Valdeorras e A Gudiña ou da OU-540, na Baixa Limia, con 1,5 M€ en 2024 e compromisos plurianuais para os vindeiros anos por importe de 18 M€

As contas blindan as obras de conservación e seguridade nas estradas, dirixindo case 9 M€ ao reforzo dos firmes, á eliminación de puntos negros e á vialidade invernal

A Xunta comezará nas vindeiras semanas a senda que unirá Ourense de norte a sur, ao paso pola intermodal, a Ponte Vella e Expourense, reservando 4 M€ en 2024

A Axencia Galega de Infraestruturas, en colaboración coa Consellería de Facenda, iniciará en 2024 o Centro de Excelencia en Ciberseguridade en San Cibrao das Viñas, cunha partida de 4,1 M€ no vindeiro exercicio
 

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mobilizará o vindeiro ano 68,61 millóns de euros na provincia de Ourense, o que supón un investimento per cápita de 225,49 euros, segundo recolle o proxecto de Lei de Orzamentos remitido hoxe ao Parlamento galego.

As actuacións en materia de infraestruturas viarias reciben a partida orzamentaria máis elevada da Consellería nesta provincia, cun investimento de 41,15 millóns de euros.

Con estes investimentos, a Xunta proseguirá co reforzo da accesibilidade na provincia, impulsando actuacións como a mellora da OU-533 entre Valdeorras e A Gudiña ou da OU-540 no acceso á Baixa Limia, cun investimento en 2024 de 1,5 M€ e compromisos plurianuais para os vindeiros exercicios por importe de 18 M€.

Tamén se reflicte nos presupostos o impulso da circunvalación leste de Ourense, no teito entre a OU-105 e a N-525, con 250.000 € en 2024 e partidas plurianuais para os próximos anos por importe de 6,5 M€, que posibilitarán facer realidade a intervención.

A mobilidade peonil e ciclista verase reforzada co inicio, xa nas vindeiras semanas, da nova senda que comunicará a cidade de norte a sur, ao paso pola intermodal, a Ponte Vella ou Expourense. A esta intervención destínase un orzamento de 4 M€ no vindeiro exercicio.

A aposta pola mobilidade segura e sostible tamén se materializará no resto da provincia coa construción de máis sendas peonís e ciclistas, dirixindo a este fin 2,2 M€ en 2024.

As contas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade blindan a conservación e a seguridade viaria das estradas autonómicas na provincia, permitindo continuar coas melloras de firme, a eliminación de treitos de concentración de accidentes ou a vialidade invernal, destinando preto de 9 M€ de investimento.

O Goberno galego promoverá, ademais, a dixitalización na rede viaria da provincia, para avanzar cara a unha mobilidade dixital e conectada, cunha partida o vindeiro exercicio de 450.000 €.

Os orzamentos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recollen partidas que suman preto de 1 M€ para levar a cabo actuacións de conservación de estruturas, obras de paso, noiros e muros nas estradas autonómicas.

Ademais, froito da colaboración coa Consellería de Facenda, a Axencia Galega de Infraestruturas comezará o vindeiro ano a execución do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas. Para isto, a Xunta destina en 2024 un orzamento de máis de 4 M€ e proxecta un compromiso de case 2,3 M€ na vindeira anualidade.

Infraestruturas sanitarias

O vindeiro ano, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade seguirá executando actuacións no ámbito das infraestruturas sanitarias na provincia, cuxos investimentos figuran nos Orzamentos da Consellería de Sanidade.

Así, proseguirá o desenvolvemento do Plan director do Hospital de Ourense, avanzando na ampliación do complexo, cun investimento de 23,1 M€ no vindeiro exercicio.

A construción de novos centros de saúde será un dos puntos centrais nesta liña de acción, con investimentos que en 2024 suman 2,6 M€ para darlle pulo aos novos centros de saúde de Muíños, Boborás e A Rúa, cuxas obras se encargará de executar a Axencia Galega de Infraestruturas por encomenda da Consellería de Sanidade.

Mobilidade

En relación ao eido do transporte, a Dirección Xeral de Mobilidade investirá o próximo ano 24,13 M€ na provincia, dos que 15,2 M€ se destinarán ao mantemento dos servizos do Plan de Transporte Público de Galicia, para garantir a prestación de servizos que respondan mellor ás necesidades dos cidadáns. Ao mantemento da gratuidade no transporte público autonómico para os menores de 21 anos da provincia que empreguen a tarxeta Xente Nova resérvase un investimento de preto de 1 M€ no vindeiro exercicio.

Continuarase, ademais, coa mellora da accesibilidade e da conectividade das paradas de autobús na rede viaria autonómica, así como co reforzo da mobilidade sostible, con actuacións ás que se dirixirán preto de 5 M€.

Impulsar áreas de estacionamento seguro e protexido para os transportistas será outro eixe de acción da Xunta en 2024, ao estar xa convocadas as primeiras axudas para a transformación de espazos que xa existen nas rutas de tránsito en áreas certificadas de estacionamento protexido para os profesionais do sector; e co impulso á creación dunha área de aparcamento seguro para camións no polígono de San Cibrao das Viñas. Para esta última iniciativa, os orzamentos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recollen un investimento de 150.000 €, que se sumarán ás achegas da Consellería de Emprego, da asociación de empresarios e da Deputación Provincial.

Actuacións hidráulicas

No que se refire ás actuacións hidráulicas, Augas de Galicia prevé un investimento de máis de 2,6 M€ para prestar apoio aos concellos nas súas competencias de saneamento, abastecemento e depuración, especialmente os do rural e máis pequenos, con menos capacidade de investimento.

Entre as intervencións previstas, destaca a colaboración da Xunta na renovación da tubaxe desde Pazos de Arenteiro á estación de tratamento de auga potable, nos concellos de Leiro e Boborás; a mellora da rede de saneamento e abastecemento no Navallo, en Riós; ou a mellora do abastecemento, saneamento e recollida de pluviais no núcleo da Derrasa, no concello do Pereiro de Aguiar.

 

As contas de Augas de Galicia tamén contemplan unha partida de case 500.000€ para desenvolver o Plan de saneamento proxectado para a comarca de Verín.

 
Data de actualización: 20/10/2023