A Xunta sinala que a nova Lei de igualdade incide na loita contra as discriminacións múltiples das mulleres con discapacidade

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2023 A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, salientou hoxe o compromiso da Xunta, a través da nova Lei de igualdade, para combater as discriminacións múltiples e a violencia sexual que están a sufrir as mulleres. Vázquez apuntou na Xornada de sexualidade das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, organizada por Fademga, que un dos puntos fortes das políticas de igualdade da Xunta é a transversalidade e a atención á diversidade da sociedade galega e a das mulleres en particular. Neste senso, a Xunta, segundo relatou, afronta a loita contra as discriminacións múltiples que padecen as mulleres (relacionadas coa discapacidade, os coidados, a residencia en contornas rurais...) que tamén aparecen reflectidas na nova normativa que se está a tramitar no Parlamento de Galicia.

Vázquez tamén se referiu ao VIII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, que constitúe o instrumento guía que marca o rumbo das políticas de igualdade no horizonte 2027, con 900 millóns de euros de orzamento. “Na nosa aposta pola igualdade non vai quedar ninguén atrás, o lugar de residencia, a discapacidade e o medio de vida non pode representar un obstáculo engadido á desigualdade estrutural que sofren as mulleres”, indicou

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2023