A Xunta presenta a Alianza galega polo clima ante máis de 200 representantes internacionais

No marco da conferencia internacional Climate Alliance, os asistentes asinaron a Declaración de Módena, un manifesto ao que Galicia se suma aliñándose cos seus obxectivos e principios

Módena (Italia), 20 de outubro de 2023 A Xunta presentou a Alianza galega polo clima na conferencia internacional da Climate Alliance, celebrada esta semana na cidade italiana de Módena, ante máis de 200 representantes de distintas rexións europeas.

Os participantes abordaron, principalmente, a acción climática e o proceso de adaptación a ela, nun espazo de interacción que culminou coa sinatura da Declaración de Módena, a cal vela pola neutralidade climática e á que Galicia se suma aliñándose cos seus principios.

O foro, que é organizado por unha rede de máis de 2.000 membros repartidos en 25 países do continente, celebrouse este ano baixo o lema “enxertar cidades”. Neste contexto, a Xunta expuxo ante expertos de toda Europa o traballo realizado no marco da Alianza galega polo clima, creada o 22 de xuño do ano 2022 e á que xa están adheridas máis de 80 entidades públicas e privadas para colaborar na defensa dos obxectivos medioambientais de Galicia.

A asemblea permitiu a representantes de distintas rexións compartir exemplos de traballo en materia medioambiental no ámbito local. Así, ademais de servir como escaparate internacional para proxectos propios, ofreceu aos asistentes a posibilidade de tomar ideas, explorar perspectivas diferentes e marcarse novas metas futuras para o obxectivo común que é combater o cambio climático.

Data de actualización: 20/10/2023