A Xunta optimizará a partir deste vindeiro luns o percorrido e os horarios da liña de autobús desde Lalín e Silleda cara aos hospitais de Santiago

Adiantarase a saída das tres expedicións de ida en 10 minutos, pasando de saír ás 06:35, 13:35 e 20:35 a facelo ás 06:25, 13:25 e 20:25 horas

A nova configuración implicará que nas expedicións con chegada a Santiago as paradas do Hospital de Conxo e do Hospital Clínico se realicen previamente á da estación intermodal

Con este percorrido a Xunta volve a dar resposta ás peticións trasladadas polos usuarios e polos Concellos de Lalín e de Silleda, facilitando un itinerario máis directo e adaptado ás quendas de traballo do persoal sanitario
 

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade optimizará desde o vindeiro luns día 23 o percorrido e os horarios da liña de autobús que vai desde Lalín e Silleda cara aos hospitais de Santiago.

A Xunta volve dar resposta ás demandas dos suarios, en especial ao persoal sanitario que se despraza cara aos hospitais de Santiago. Así, o servizo, que se puxo en marcha no mes de xullo como resultado das peticións dos Concellos de Lalín e de Silleda, contará agora cun itinerario máis directo e sairá antes cara aos centros hospitalarios, adaptándose de xeito máis eficiente ás quendas de traballo do persoal sanitario.

O percorrido, cunha duración estimada de 1 hora e 15 minutos, contará cunha nova organización de paradas, co paso previo polo Hospital de Conxo e polo Hospital Clínico de Santiago de Compostela antes que a estación intermodal de Santiago, cun traxecto máis directo cara aos centros sanitarios.

O itinerario prevé a seguinte relación de paradas: Lalín, Bergazos, Taboada, Silleda, Bandeira, Lamela, Penaporrín, Loimil, Balboa, Arnois, Ponte Ulla, Ribadulla, Lestedo, Gándara, Hospital de Conxo, Hospital Clínico de Santiago e estación intermodal de Santiago. 

Adicionalmente, adiantarase a saída das expedicións de ida en 10 minutos, pasando de saír ás 06:35, 13:35 e 20:35, ás 06:25, 13:25 e 20:25 horas respectivamente. Deste xeito o persoal sanitario poderá chegar coa debida antelación ao seu centro de traballo.

A Xunta atende novamente as necesidades globais de mobilidade dos usuarios desta liña, poñendo de manifesto, una vez máis, o seu compromiso coas necesidades de mobilidade das sociedade galega o seu interese na mellora continua do Plan de Transporte Público de Galicia.

A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

 
Data de actualización: 20/10/2023