A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe o avance dos traballos de execución do novo aparcadoiro disuasorio en Domaio, no concello de Moaña

Ethel Vázquez avanza que as contas de 2024 reservan 1,5 M€ para reforestar as marxes da autovía do Morrazo, plantando 25.000 frondosas autóctonas no marco da estratexia de estradas verdes da Xunta

Adianta que os traballos comezarán na próxima primavera, aumentando a protección fronte aos incendios, optimizando a conservación e avanzando cara á neutralidade en carbono nas estradas

Destaca que a Xunta porá en servizo no 1º trimestre de 2024 o aparcadoiro disuasorio en Domaio, cun investimento de case 884.000€ e a dotación de 75 prazas nas que se poida deixar o vehículo para continuar a viaxe compartindo coche ou no autobús

O equipamento execútase na PO-551, ampliando o aparcadoiro xa existente nas proximidades do enlace de Rande, entre a Autovía do Morrazo e a AP-9

A conselleira salienta o avance das obras pese á complexidade das escavacións, por ser zona de moita rocha e ter a PO-551 a un lado e unha factoría na parte inferior

Moaña (Pontevedra), 20 de outubro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que as contas de 2024 reservan 1,5 M€ para reforestar as marxes da autovía do Morrazo, onde se plantarán 25.000 frondosas autóctonas no marco da Estratexia de estradas verdes da Xunta.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade detallou que se está a redactar o proxecto co fin de iniciar os traballos na primavera, contribuíndo a aumentar a protección fronte aos incendios, gañar en eficiencia na conservación e avanzar cara á neutralidade en carbono nas estradas.

Así o destacou hoxe na súa visita a Domaio, aos terreos nos que se construirá o novo aparcadoiro disuasorio para diminuír a utilización do vehículo particular e fomentar desprazamentos máis limpos e sostibles.

Avanzou que o obxectivo é que no 1º trimestre do ano este aparcamento estea en servizo, logo dun investimento da Xunta de case 884.000 €, poñendo á disposición 75 prazas nas que se poida deixar o vehículo para continuar a viaxe compartindo coche ou no autobús.

Lembrou que os Orzamentos autonómicos do vindeiro ano tamén inclúen unha partida de 160.000 € que posibilitará o remate en 2024 deste aparcadoiro que se executa na PO-551, ampliando o espazo de estacionamento xa existente na marxe dereita da vía, nas proximidades do enlace de Rande, entre a Autovía do Morrazo e a AP-9.

Os carrís de circulación interior do aparcadoiro serán de sentido único, cun ancho mínimo de 3 metros. Para facilitar os desprazamentos peonís disporase unha franxa perimetral interior de 1,5 metros de ancho. En total serán 2.000 m² de superficie construída.

Dotarase o aparcadoiro de iluminación, instalando 10 luminarias led, e de videovixilancia, con 6 cámaras. A parada de autobús existente terá un novo refuxio.

Concretou que os traballos xa avanzan a bo ritmo, unha vez realizado o estudo de prospección arqueolóxica necesario e obtida a correspondente autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Sinalou que están a progresar o movemento de terras e as escavacións, tendo xa retirado 3.500 m³ dos preto dos 9.500 que será preciso sacar. Puntualizou que estas tarefas de escavación son delicadas, xa que é unha zona de moita rocha, coa PO-551 a un lado e unha factoría na parte inferior.

Explicou que estas escavacións se prolongarán ao longo deste mes e parte do que vén. A partir de aí, continuarán os traballos de drenaxe, executando 13 sumidoiros conectados a 6 pozos novos e 3 existentes, e coa explanación de cara á materialización do aparcadoiro.

A actuación enmárcase nos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso de transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Ethel Vázquez subliñou que o Goberno galego continúa traballando por acadar unha Galicia conectada e sostible.

Remarcou que as contas autonómicas amosan a aposta da Xunta polo transporte público, ao que se destinan 100 M€ cada ano e que permite importantes bonificacións aos usuarios do autobús interurbano.

Destacou que 5.500 mozos menores de 21 anos de Cangas e de Moaña dispoñen da tarxeta Xente Nova, coa que viaxan de balde no autobús interurbano e no barco. Os Orzamentos teñen consignados os investimentos necesarios para garantir a continuidade dese transporte gratis aos mozos destes municipios, cun gasto estimado en 2024 de preto de 400.000€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2023