Alfonso Rueda participou na inauguración do Centro de Servizos Avanzados co que bota a andar a actividade do complexo coruñés

O titular do Goberno galego destaca a contribución da Cidade das TIC para a especialización de Galicia nas tecnoloxías emerxentes

Salienta a súa aportación para desenvolver tecidos empresariais máis competitivos e impulsar a dixitalización na comunidade
 

Eríxea como exemplo do resultado da colaboración e esforzo conxunto entre as administracións e da relevancia do binomio público-privado
 

A Coruña, 20 de outubro de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe a contribución da Cidade das TIC para a especialización de Galicia nas tecnoloxías emerxentes, xa que neste complexo se aglutinarán infraestruturas de innovación e servizos para fomentar a transformación dixital na industria, dirixidas tanto a pequenas como grandes empresas. Situarase unha incubadora empresarial de alta tecnoloxía, centrada principalmente na intelixencia artificial, e ofreceranse solucións tecnolóxicas ao tecido empresarial. 

Así o aseverou no acto de inauguración do Centro de Servizos Avanzados no complexo coruñés, a primeira unidade funcional coa que bota a andar a Cidade das TIC, no que estivo acompañado pola conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana. 

Rueda salientou que a posta en marcha das Cidade das TIC supón un exemplo de colaboración e de esforzo conxunto entre administracións, ao mesmo tempo que apelou ao binomio público-privado como o mellor xeito para crear riqueza en Galicia e mellorar a calidade de vida da poboación.

Neste senso, destacou a importante achega da Xunta, con 4,8 millóns de euros para este novo Centro de Servizos Avanzados e que se converte no primeiro destes centros vencellado coas TIC que impulsa a Administración galega. Esta partida cubre o 95 % do investimento necesario para a rehabilitación do edificio e o equipamento, cifrado en 5 millóns de euros.
 
Neste acto, Rueda avanzou que, ademais das empresas que se instalarán con amplo percorrido, haberá outras moitas compañías que nacerán baixo o amparo dos proxectos que se desenvolvan nesas instalacións. Só na Cidade das TIC se espera xerar máis de 500 novos postos de traballo nos vindeiros anos.
 
Rueda apuntou que o sector TIC está a ser un dos máis dinámicos en Galicia en canto á súa evolución e perspectiva de futuro, contando con máis de 3.000 empresas no territorio galego, “máis do 4 % do total estatal, e medrando, e ocupa a quinta posición no conxunto do Estado”, puxo en valor en referencia ao número de empresas deste eido.
 
Na súa intervención, o presidente da Xunta tivo presente que o Centro de Servizos Avanzados é o primeiro edificio que se pon en marcha na antiga Fábrica de Armas da Coruña. Neste senso, puxo en valor a súa aposta polo respecto ao territorio e aos espazos, facendo referencia a unha “magnífica e intelixente” rehabilitación a través da cal se aprecia a esencia do antigo edificio ao mesmo tempo que se adapta ás necesidades so século XXI. 

Axencia de Intelixencia Artificial

Finalmente, Rueda aproveitou esta inauguración para salientar o feito de que a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), con sede na Coruña e para a que a Xunta de Galicia desenvolveu un intenso traballo, botará a andar en decembro deste ano, “con todo o 2024 por diante para consolidarse”, avanzou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2023