A Xunta abre ata o 15 de novembro o prazo para recadar as candidaturas da Unidade Muller e Ciencia para o Premio María Josefa Wonenburger deste ano

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou nunha nova sesión plenaria deste órgano colexiado que traballa para a plena igualdade de xénero entre mulleres e homes no eido da ciencia

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou nunha nova sesión plenaria da Unidade Muller e Ciencia na que se decidiu abrir o prazo ata o 15 de novembro para que as entidades e persoas integrantes deste órgano colexiado presenten candidaturas ao Premio María Josefa Wonenburger 2023.

Este galardón foi creado pola Xunta en 2007 e concédese con carácter anual coa finalidade de distinguir a mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía. Trátase de poñer en valor a estas referentes e de convertelas en modelo a seguir polas xeracións vindeiras.

As propostas deben ser presentadas polas entidades ou persoas integrantes na Unidade Muller e Ciencia -onde están representados diferentes departamentos da Xunta de Galicia e persoas expertas- acompañadas dun breve currículo e a argumentación dos méritos que poden facer á candidata proposta merecedora.

O premio leva o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger, unha pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias e que foi unha científica adiantada ao seu tempo.

Nos últimos anos foron merecedoras deste recoñecemento mulleres como a matemática Elena Vázquez Cendón, a doutora María Victoria Lareu, ou Amparo Alonso, catedrática de Ciencias da computación de intelixencia artificial na Universidade da Coruña.

A xuntanza da Unidade Muller e Ciencia de hoxe permitiu, por outra banda, avanzar no seguimento do III Programa Muller e Ciencia 2022-2025 e informouse dos avances do grupo técnico I+D+i, entre os que destacan as achegas da Xunta de Galicia á Lei da ciencia estatal, ao Decreto da carreira investigadora e a elaboración da Lei da Innovación e da ciencia en Galicia ou a liña ITEF do programa Emega de emprendemento feminino. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2023