O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe o centro acompañado do alcalde, Julio César García-Luengo

A Xunta destaca a revitalización da escola infantil pública de Crecente conseguida en colaboración co Concello

A escola, pertencente á rede pública autonómica, reabriu as súas portas no curso 2016-2017 con 9 nenos e na actualidade conta con 15

A administración autonómica e a local acometeron nos últimos anos diferentes obras de reforma que supuxeron unha importe mellora nas instalacións
 

Crecente (Pontevedra), 20 de outubro de 2023

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, destacou hoxe a importancia da colaboración entre administracións para revitalizar e poñer a disposición das familias as mellores instalacións para o coidado e atención dos seus pequenos. Díxoo nunha visita á escola infantil de Crecente, pertencente á rede pública autonómica, que desde que se reabriu no curso 2016-2017 tras estar pechada o ano anterior por falta de nenos incrementou notablemente o seu alumnado, pasando dos nove de entón aos 15 actuais.

Perfecto Rodríguez, que estivo acompañado do alcalde do concello, Julio César García-Luengo, sinalou que neste crecemento de nenos matriculados influíu as obras de mellora realizadas no centro nos últimos anos por parte do ente autonómico e o local. Uns traballos que no seu conxunto superan os 24.000 euros e que supuxeron a renovación de todo o sistema eléctrico e de iluminación do inmoble, a reparación da fachada, a substitución de elementos internos como o chan e as portas, a mellora da seguridade ou o acondicionamento da zona de xogo con herba artificial.

Así mesmo, o xerente do Consorcio destacou que os orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2024 consolidan a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, unha medida na que Galicia é pioneira no conxunto de España e que cualificou de fundamental para facilitar a conciliación das familias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2023