O conselleiro do Medio Rural reuniuse con veciños e co tenente alcalde deste municipio ourensán para explicarlles as vantaxes desta figura ligada á Lei de recuperación de terras

A Xunta promove un polígono agroforestal en San Xoán de Río que mobilizará máis de 96 hectáreas

José González trasladou que o polígono situarase nunha zona cunha forte tradición gandeira e na que existe unha gran demanda de terras para a cría de gando vacún en extensivo, polo que esta ferramenta irá orientada a satisfacer estas necesidades

Salientou que esta iniciativa sumarase aos 26 polígonos que actualmente se atopan en distintas fases de execución en Galicia e que supoñen a posta en valor de máis de 9.100 hectáreas distribuídas en case 30.000 parcelas de máis de 8.200 veciños

Puxo en valor que 17 destes polígonos se sitúan na provincia de Ourense, así como 14 das 21 aldeas modelo aprobadas en toda Galicia
 

San Xoán de Río (Ourense), 20 de outubro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo tenente alcalde de San Xoán de Río, Manuel Fernández, mantivo hoxe unha reunión con veciños deste municipio en relación co polígono agroforestal de Veigas de Cambela.

O conselleiro explicou que se trata de mobilizar, a través deste instrumento da Lei de recuperación de terras, un total de 96,4 hectáreas, distribuídas en 301 parcelas de 135 propietarios. Puxo en valor, ademais, que o polígono situarase nunha zona cunha forte tradición gandeira e na que existe unha gran demanda de terras para a cría de gando vacún en extensivo, polo que esta ferramenta irá orientada cara a satisfacer estas necesidades, remarcou González.

Nesta liña, o titular de Medio Rural salientou que esta iniciativa sumarase aos 26 polígonos que actualmente se atopan en distintas fases de execución en Galicia e que supoñen a posta en valor de máis de 9.100 hectáreas distribuídas en case 30.000 parcelas propiedade de máis de 8.200 veciños. Subliñou, asemade, que 17 destes polígonos corresponden á provincia de Ourense, sumando máis de 5.200 hectáreas de terreo, ou o que é o mesmo, case o 60% da superficie total mobilizada en Galicia.

Agrupacións de xestión conxunta

A maiores, o conselleiro remarcou, dentro das ferramentas de mobilización de terras, as agrupacións de xestión conxunta, as permutas de especial interese agrario e a existencia de 21 aldeas modelo aprobadas na nosa comunidade. Delas, lembrou, 14 están na provincia de Ourense.

Todo este traballo, destacou, xunto ao labor desenvolvido mediante as concentracións parcelarias decretadas, axilizando a súa tramitación, fixo posible a posta en valor de arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia por iniciativa da Xunta.

Neste contexto, José González trasladou que o obxectivo que se persegue con estas iniciativas é dinamizar o territorio e xerar actividade económica para que sexa posible vivir no e do rural, así como tamén para anticiparse aos lumes e diminuír os danos que poidan causar. Precisamente, en relación co reforzo da loita contra os incendios forestais, o conselleiro salientou que neste mesmo concello de San Xoán de Río vaise investir 1 millón de euros na mellora da base aérea situada no termo municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2023