A Xunta apoia o labor de Protección Civil en Galicia con achegas anuais que suman máis de 23 M€ nos últimos exercicios

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, na VII xornada de convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil en Ourense

Destacou a importancia do labor destes colectivos e a necesidade de que conten co soporte das administracións

Nogueira de Ramuín (Ourense), 21 de outubro de 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, na inauguración da VII Xornada de Convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Ourense, celebrada co apoio da Xunta. Tamén no marco desta xornada, a primeira hora da tarde o delegado territorial da Xunta en Ourense participa no acto de entrega de medallas e condecoracións, que terá lugar no Pereiro de Aguiar.

O director xeral referiuse á importancia do labor destes colectivos a prol do benestar cidadá e á necesidade de garantirlles o máximo apoio por parte das administracións. Nesta liña, o Goberno galego destinou nos últimos anos achegas anuais que suman máis de 23 millóns de euros.

A contía engloba as axudas aos custes de funcionamento, con case 4 millóns euros, e á dotación de material e equipamento, con máis de 14 millóns, así como o investimento en formación, con 5 millóns de euros.

Con respecto á provincia de Ourense, o apoio do Goberno galego materialízase este ano cunha achega superior aos 116.300 euros para gastos de funcionamento, que se distribuíron entre 66 AVPC, e coa cesión de diverso equipamento, entre o que figuran remolques, tendas de campaña, material loxístico de seguridade vial, ferramentas eléctricas e kits para emerxencias no medio acuático.

Santiago Villanueva destacou o interese do encontro aberto hoxe, que reúne preto de 500 voluntarios e voluntarias de Protección Civil de 65 agrupacións de todo o Estado e se prolonga ata mañá. Para o director xeral, eventos destas características contribúen a darlle visibilidade á Protección Civil como colectivo de acción local presente en todo o territorio, ao tempo que fomentan o intercambio de experiencias e a aprendizaxe. Así, as persoas asistentes á xornada de convivencia terán ocasión de participar en distintos obradoiros.

Formación continua con cursos específicos

Neste eido de acción, o director xeral referiuse á aposta da Xunta por facilitarlle ao voluntariado de Protección Civil unha formación continuada que o capacite para facerlles fronte de xeito áxil e eficaz ás distintas situacións de emerxencias ás que se enfrontan. Deste xeito, a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) ofrece cada ano unha ampla oferta formativa específica para este colectivo, que en 2023 inclúe 143 cursos con máis de 3.500 prazas e se centra en formación básica obrigatoria, actividades de loxística, manexo de equipos e apoio en intervencións.

Ademais, a programación da Agasp deste ano reforza o número de cursos descentralizados, achegándoos aos lugares de residencia do alumnado, e mantén a aposta por unha maior carga horaria en liña co obxectivo de facilitarlles o acceso aos preto de 4.500 integrantes das 235 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil que actúan en Galicia.

Villanueva agradeceulles aos voluntarios e voluntarias participantes na xornada o seu traballo e entrega altruísta, imprescindible na prevención de incidencias e no apoio aos servizos de emerxencias profesionais para unha actuación rápida ante situacións imprevistas e de risco para a poboación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/10/2023