A Xunta e a Fundación Paideia colaboran na mellora do material forestal de reprodución de frondosas autóctonas

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou hoxe en Oleiros na inauguración das xornadas “Un horizonte cheo de posibilidades para as nosas frondosas” que puxeron en valor esta cooperación

Neste evento, ao que tamén asistiu o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, detallouse unha colaboración que suporá ata o 2024 o investimento conxunto de máis de 216.000 euros para a mellora de material de carballo e bidueiro

Oleiros (A Coruña), 20 de outubro de 2023

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou hoxe na inauguración das xornadas “Un horizonte cheo de posibilidades para as nosas frondosas”, que organiza a Fundación Paideia en colaboración coa Consellería do Medio Rural. Neste evento, ao que tamén asistiu o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, puxéronse en valor os traballos enmarcados no convenio asinado en xullo de 2021 entre a Xunta e esta Fundación para a mellora do material forestal de reprodución no período 2021-2024.

 

Esta colaboración supón unha achega por parte da Xunta de máis de 173.000 euros para un orzamento total que supera os 216.000 euros. A Fundación Paideia aporta os algo máis de 43.000 euros restantes. Os traballos de mellora están centrados en dúas especies de frondosas autóctonas galegas: o carballo, Quercus robur e o bidueiro, Betula pubescens.

 

Entre os labores desenvolvidos ou en marcha inclúese a reprodución polo método do cultivo in vitro de 20 xenotipos de carballo, co fin de instalar unha plantación de alto valor xenético para esta especie. Tamén, os estudos de conservación en frío dos xenotipos desta mesma especie, a avaliación da calidade da madeira de carballo e a selección dos mellores exemplares de bidueiro en base a traballos de medición do seu crecemento, forma do fuste e ramosidade para reprodución mediante cultivo in vitro e instalación dun horto de semente.

 

Plan Forestal de Galicia

A Revisión do Plan Forestal de Galicia “cara á neutralidade carbónica”, establece no seu Eixo I “Contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais” como liñas de acción a conservación da biodiversidade e da multifuncionalidade dos montes como ecosistemas forestais, a mitigación e a adaptación ao cambio climático e o desenvolvemento de enerxías renovables e a conservación e mellora dos recursos xenéticos forestais.

 

As novas necesidades e compromisos europeos e internacionais en materia de saúde e vitalidade dos ecosistemas forestais aconsellan o desenvolvemento dunha planificación rigorosa a medio e longo prazo das actuacións de conservación de recursos xenéticos. Estas actuacións, por outra banda, teñen unha implicación evidente coas medidas de adaptación ao cambio climático.

 

Programas de acción encamiñados á conservación e mellora da biodiversidade dos ecosistemas forestais son un factor clave para a sustentabilidade do monte galego; poñer en valor as masas de frondosas e apostar por incrementar a ocupación actual dos bosques de frondosas autóctonas é outro dos obxectivos prioritarios do Plan Forestal de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2023