O director de Turismo de Galicia abre as sesións de traballo do II Encontro Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago que se celebra co apoio da Xunta

A Xunta pon de manifesto os beneficios que supón para o modelo turístico galego a crecente desestacionalización do Camiño de Santiago

Xosé Merelles fala da ruptura da estacionalidade na peregrinación “con récords históricos de recollida de Compostelas especialmente en inverno e primavera”

Ata mañá, máis de 300 persoas de 125 asociacións de amigos do camiño de Santiago de 34 países debaten sobre o presente e futuro da peregrinación

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, referiuse hoxe aos beneficios que supón para o modelo turístico galego que cada vez sexan máis os peregrinos que están peregrinando a Santiago de Compostela fóra de temporada alta e que o fagan, ademais, repartíndose polos distintos itinerarios. “Con esta tendencia na peregrinación contribúese a que a tradición xacobea e o impacto económico asociado se estea recuperando en numerosos concellos das catro provincias”, indicou.

 

Así o manifestou durante a apertura das sesións de traballo do II Encontro Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago que, impulsado pola Xunta de Galicia coa Federación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, reúne ata mañá en Santiago de Compostela a máis de 300 participantes de 125 entidades de 34 países para debater do presente e futuro da peregrinación.

 

No encontro, o director de Turismo referiuse á cada vez máis importante diversificación e tamén á desestacionalización do Camiño de Santiago xa que, como dixo, pese a seguir sendo o máis transitado, o Camiño Francés está deixando paso ao resto de itinerarios que, en maior ou menor medida, están sendo escollidos polos peregrinos. “E, ademais, o Camiño de Santiago está rompendo a estacionalidade. Estanse rexistrando novos récords históricos de recollida de Compostelas, especialmente en inverno e primavera, xa que este ano, por exemplo, entregáronse máis de 118.000 nos cinco primeiros meses, fronte ás algo máis de 98.000 do ano anterior”, indicou.

 

Fóra de tempada alta

Xosé Merelles referiuse, ademais, ao importante peso que está a ter a chegada de peregrinos fóra de tempada alta en comparación cos que o fan nos meses tradicionalmente de maior afluencia. Refórzase así o modelo turístico galego que traballa para diversificar a oferta entre os distintos concellos galegos e facilitar que os viaxeiros encontren atractiva Galicia tamén fóra dos meses de verán.

 

O director de Turismo de Galicia animou, ademais, aos participantes a que nestas xornadas debatan, intercambien impresións e compartan boas prácticas sobre a ruta xacobea “para facer xuntos un Camiño de Santiago cada vez mellor”

 

Investigación e hospitalidade

O II Encontro Mundial de Asociacións do Camiño de Santiago celébrase ata mañá en Santiago de Compostela baixo o lema Asociacións. Memoria e futuro coa intención de converterse en punto de encontro e debate sobre a cuestión xacobea, a investigación e coidado das rutas compostelás e do seu legado histórico e cultural, así como a promoción da peregrinación tradicional e da hospitalidade.

 

Presentarase o traballo dos asociados en amplas áreas xeográficas (Europa, Asia e Oceanía, América), cun apartado especial a España e outro ao exercicio da hospitalidade xacobea. Tamén hai relatorios dedicados ás boas prácticas e ao labor de determinadas asociacións, como é a dos Países Baixos, a máis numerosa do mundo.

 

Ademais de facer unha valoración do estado do tecido asociativo xacobeo mundial, servirá como antesala para comezar a preparar o seguinte Ano Santo, o de 2027. O encontro en Galicia é posible grazas ao convenio entre Turismo de Galicia e dá continuidade ao primeiro celebrado en xuño de 2015.

Data de actualización: 20/10/2023