A Policía Autonómica esclarece dous incendios forestais nos concellos de Teo e Punxín

Os axentes comprobaron que o lume no municipio teense fora provocado polo presunto autor empregando gasolina nun monte próximo a vivendas e no caso do de Punxín orixinouse durante labores de roza sen respectar as medidas de seguridade

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2023

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Adscrita (UPA) en Santiago e Ourense, xunto coa Unidade de Investigación de Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural veñen de esclarecer dous incendios forestais rexistrados no concello coruñés de Teo e no ourensán de Punxín, respectivamente.

 

O lume de Teo rexistrouse o pasado 26 de setembro no lugar das Galanas da parroquia de Calo e afectou 100 metros cadrados de monte raso. Da inspección ocular practicada, os axentes comprobaron que o lume fora intencionado e que o presunto autor empregara  gasolina para queimar o monte próximo a varias vivendas habitadas. Froito das investigacións, a UPA tomou declaración ao presunto autor do lume e remitiu as dilixencias ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Santiago de Compostela.

 

Por outra parte, o incendio en Punxín produciuse o pasado 10 de outubro na parroquia de Ourantes e afectou unha superficie de 0,55 hectáreas. O lume orixinouse por mor de labores de roza cun tractor sen respectar as medidas de seguridade necesarias. Na súa extinción participaron tres axentes forestais, un coordinador aéreo, nove brigadas, catro motobombas, tres helicópteros e catro avións. As dilixencias por tales feitos foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda do Carballiño.

 

No que vai de ano, a UPA leva investigadas 22 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

 

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Data de actualización: 20/10/2023