Aberto o prazo para que establecementos de aloxamento e axencias de viaxe se adhiran á nova edición do Bono Turístico da Xunta

Co lema #DescubreGaliciaenOutono, arranca a campaña para promover as viaxes e estadías en Galicia entre a poboación galega durante este outono

O Diario Oficial de Galicia informa de que as empresas teñen desde hoxe ata o 1 de decembro para sumarse e, entre outros requisitos, deben estar dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT)

Para facilitar o uso polos usuarios, este ano modifícase o sistema xa que non se trata de tarxetas prepago senón de bonos cun desconto do 40 % en cada compra

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2023

Comeza a nova campaña do Bono Turístico da Xunta de Galicia #DescubreGaliciaenOutono coa apertura, hoxe venres 20 de outubro, do prazo para que as axencias de viaxes e establecementos de aloxamento interesadas se adhiran a esta iniciativa coa que o Goberno autonómico busca promover as viaxes en Galicia durante este outono.

 

Como se informa hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), poderán participar establecementos turísticos de aloxamento situados en Galicia que cumpran os requistos que se explican nas bases e axencias de viaxes, neste caso que teñan un centro de traballo na Comunidade autónoma de Galicia e que desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia. Deberán estar dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación da convocatoria. O prazo de adhesión de establecementos comeza hoxe venres 20 de outubro e remata o 1 de decembro.

 

O Bono Turístico da Xunta conta este ano con algunas novidades como o cambio no sistema de descarga e uso por parte dos usuarios. Así, nesta edición non se habilitarán tarxetas monedeiro prepago, senón que se porán en circulación 10.000 bonos desconto en formato código QR por valor de 100 € cada un cos que se poderá gozar de descontos do 40 % en cada compra ata esgotar o saldo do bono.

 

Apoio ao sector e desestacionalización

O prazo para os usarios abrirase o vindeiro venres 27 de outubro ás 9,00 horas a través da web www.bonoturismo.gal. A data límite para empregar o bono será o 25 de decembro e se terá que facer nos establecementos adheridos, que se publicarán na mesma páxina web.

 

O Bono Turístico -que conta cun orzamento de 1 M€ e prevé mobilizar ata 2,5 M€ ata decembro nos establecementos adheridos- enmárcase nos obxectivos da Xunta de Galicia por desestacionalizar a actividade turística e promover as viaxes dos galegos en Galicia en temporada baixa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2023