O conselleiro do Mar mantivo un encontro cos representantes de Agade en Santiago

A Xunta defende ante os depuradores de moluscos que a lei do litoral de Galicia xa declara estratéxico e prioritario ao sector marítimo-pesqueiro

Alfonso Villares reitera que ningunha outra iniciativa lexislativa sitúa á pesca, marisqueo ou miticultura cun nivel de protección tan alto como a norma galega

Reitera que o recurso presentado polo Goberno central deixa ás actividades tradicionais marítimo-pesqueiras desvalidas fronte a intentos que veñen de fóra que tratan de incluír novos usos e explotacións sen ter en conta ao sector

O titular de Mar coincidiu cos depuradores na necesidade de velar por esta industria auxiliar e os seus emprazamentos e abordou con eles a situación da actividade
 

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reuniuse hoxe cos representantes da Asociación Galega de Empresas Depuradoras de Moluscos (Agade), ante os que quixo defender a importancia da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga) por ser un instrumento que recolle, de forma clara e contundente no seu articulado, que o conxunto do sector marítimo-pesqueiro galego é estratéxico e o seu acceso aos recursos, localizacións e caladoiros debe ser prioritario fronte a calquera outro tipo de posibles usos.

Así o sinalou nun encontro no que tamén estiveron presentes o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e no que ademais de analizar a situación do sector e en concreto da actividade dos socios de Agade, aproveitouse para abordar o impacto sobre a cadea mar-Industria do recurso que o Estado presentou ante o Tribunal Constitucional contra a lei do litoral galega.

O titular de Mar destacou que a norma impugnada de forma insensata e arbitraria polo Estado ten entre os seus fins fundamentais defender o sector pesqueiro, acuícola e a miticultura, ata o punto de que calquera proxecto que se quixera desenvolver no litoral autonómico tería que ter en conta tanto a estas actividades como a aos caladoiros, polígonos de bateas e bancos marisqueiros onde faena a frota artesanal da comunidade.

Alfonso Villares insistiu en que o recurso contra esta lei do Goberno central deixa indefenso á cadea mar-industria, pois a paralización da Loxilga deixará a estas actividades ao pe de calquera proxecto, público ou privado, que se pretenda levar adiante desde fóra da comunidade, pois evitaría a defensa do sector do mar que postula a Xunta de Galicia. Un exemplo deste impacto está no que poden ter os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) que se promoven, con total ausencia de diálogo cos afectados, desde o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.  

O conselleiro do Mar valorou que a lei do litoral galega é a ferramenta idónea e a que mellor protexe aos profesionais do mar e a súa actividade, de forma moito máis completa e extensa que calquera outra proposta de normativa que poda estar sobre a mesa neste momento.

A Loxilga, recordou o conselleiro, recoñece o uso pesqueiro, marisqueiro e acuícola como estratéxico e prioritario para o desenvolvemento sustentable da costa galega. Así se recollería nuns plans de ordenación do litoral que garantirían o acceso prioritario e a permanencia das embarcacións. Ademais, a lei autonómica obrigaría a calquera suxeito público ou privado que coas súas iniciativas puidese interferir nas competencias da comunidade, directamente ou pola interacción terra-mar, a contar cun informe previo de sustentabilidade que medise o impacto social e económico das actuacións e, se fora o caso, adoptar ou exixir a adopción de medidas preventivas ou reparadoras.

Alfonso Villares sinalou que a prioridade de todos os homes e mulleres que viven do mar, das empresas, dos responsables dos municipios costeiros e da Administración autonómica debe ser mostrar unha postura común en contra do recurso do Goberno central á Loxilga.  Instou a apoiar, xuntos e sen ambaxes, unha lei do litoral que defende a forma de vida de Galicia vinculada ao mar e a todos os seus subsectores produtivos, e que o fai máis e mellor que ningunha outra iniciativa lexislativa ou calquera outro proxecto normativo pasado ou que se poda estar a plantexar na actualidade.

Xuntanza con Agade

O titular de Mar contou co apoio de Agade á hora de defender a cadea mar-industria galega e a Loxilga, unha norma que coñeceu este sector durante todo o proceso de xestación e que contou coa súa aprobación. Cos depuradores abordou tamén a situación do sector ante a caída produtiva nos moluscos bivalvos, e destacou a relevancia desta actividade na cadea de valor dos produtos do mar de Galicia e o seu papel fundamental para poñer o recurso nas condicións hixiénico sanitarias idóneas para o mercado.

Alfonso Villares trasladou o apoio e colaboración ao sector, cun importante peso na economía galega que alcanzou unha facturación anual que supera os 272 millóns de euros ao ano, unha actividade esencial para a cadea mar-industria á que mostrou o compromiso claro e decidido da Consellería do Mar de contribuír ao mellor dos futuros.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 19/10/2023