A Xunta promove o encontro entre emprendedores asesorados pola rede de polos e mulleres que participan nun programa europeo de talento feminino

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, asistiu a un encontro de networking e intercambio de experiencias organizado desde o Polo de Silleda coa presenza de mulleres emprendedoras que toman parte na iniciativa europea ‘The Break Fellowship’

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, participou hoxe nun encontro de networking promovido desde o Polo de emprendemento de Silleda cun grupo de mulleres emprendedoras que participan no programa europeo The Break Fellowship, e que se atopan estes días en Galicia.

Tal e como destacou a secretaria xeral, que estivo acompañada pola directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, con este encontro a Xunta quere promover colaboracións e sinerxías entre estas mulleres europeas e as galegas e galegos que están a ser asesorados pola Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

Vázquez subliñou a oportunidade que este evento brinda aos emprendedores galegos de intercambiar experiencias, compartir boas prácticas no inicio dunha actividade empresarial e, sobre todo, de xerar opcións de colaboración internacional e mellorar as habilidades de comunicación. Outro dos beneficios é o de poder coñecer recursos e programas europeos dos que se poden beneficiar no seu emprendemento na comunidade.

The Break Fellowship é un programa europeo de atracción de talento feminino que, deseñado e impulsado pola Escola de Organización Industrial (EOI), ten o dobre obxectivo de dar a coñecer ás emprendedoras o ecosistema empresarial español e que poidan establecer relacións comerciais e participar na resolución de desafíos locais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/10/2023