A Xunta sinala o papel do Tribunal Constitucional como garante dos dereitos fundamentais e da convivencia en democracia

A Xunta sinala o papel do Tribunal Constitucional como garante dos dereitos fundamentais e da convivencia en democracia

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na inauguración das xornadas anuais da Asociación de Letrados do Tribunal Constitucional

Vigo, 19 de outubro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na apertura das xornadas anuais da Asociación de Letrados do Tribunal Constitucional, onde destacou o papel do Tribunal Constitucional como garante dos dereitos fundamentais e da convivencia en democracia.

Diego Calvo incidiu na importancia deste foro, que convida ao debate e á reflexión arredor de temas como o Estado de Dereito e as institucións democráticas ou a independencia dos poderes xudiciais en Europa, entre outros contidos.

O vicepresidente primeiro salientou tamén o papel das administracións no apoio aos profesionais do eido xudicial e incidiu na aposta da Xunta para, no marco das súas competencias, dotalos dos recursos precisos para a prestación dos servizos de xustiza de xeito áxil e eficiente.

Así, referiuse á posta en marcha este ano da Cidade da Xustiza de Vigo, que converte a cidade en punteira en infraestruturas xudiciais e de xeito integrado coa contorna, ou á implantación do recoñecemento da traxectoria profesional do persoal da Administración de Xustiza en Galicia, co acordo unánime das organizacións sindicais do sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/10/2023