A Xunta destaca a posición única de Galicia para converter a descarbonización nunha oportunidade

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, participou hoxe na inauguración da xornada Plan europeo para a industria: descarbonización e aforro enerxético, organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2023

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, participou esta mañá en Santiago de Compostela na inauguración da xornada Plan europeo para a industria: descarbonización e aforro enerxético, organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia. Na súa intervención, destacou a posición única de Galicia para marcar a diferenza e facer da descarbonización unha oportunidade.

O secretario xeral incidiu en que un dos desafíos máis importantes que afectan á industria, actualmente, é a necesidade de avanzar tanto na descarbonización como no aforro enerxético, pois a Unión Europea impón un incremento anual dun 1,6% no uso das enerxías renovables no eido industrial.

Neste sentido, Nicolás Vázquez puxo en valor o gran esforzo que se está a facer desde este sector para gañar en eficiencia e implantar medidas de aforro -máis nun momento de elevado prezo enerxético que está dificultando a actividade-, así como o compromiso do Goberno galego por apoiar esta transición enerxética. Así, destacou que Galicia pechou o ano cunha xeración renovable dun 64,8% e referiuse á importancia que teñen na Comunidade o aproveitamento de fontes como a biomasa para fins térmicos, a hidráulica ou a eólica. Destacou tamén o papel que terán novas tecnoloxías emerxentes na industria galega como a eólica mariña -sempre desde o respecto ao medio ambiente e ás actividades existentes -ou o hidróxeno renovable, no que se está a traballar en varios proxectos estratéxicos para lograr unha maior eficiencia industrial.

Finalizou reiterando o apoio da Xunta ás solucións de xeración de enerxía a partir de fontes renovables e a maximizar a repercusión positiva nos consumidores galegos. A este respecto, lembrou a futura Lei de recursos naturais que procurará que os beneficios sociais e económicos dos proxectos que aproveitan os recursos naturais queden en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/10/2023