A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro coa Asociación de Empresarios do Deza para avanzar as liñas estratéxicas do seu departamento

Lorenzana salienta unha suba nos Orzamentos da Xunta para acelerar a tramitación administrativa dos proxectos industriais, reforzar o financiamento e impulsar a innovación

Adianta que os Orzamentos para o vindeiro ano da Consellería de Economía, Industria e Innovación soben por riba da media, ata acadar máis de 430 millóns de euros

En liña co que anunciou no Debate do Estado da Autonomía o presidente da Xunta, destaca que se porá en marcha un plan de aceleración de proxectos industriais e unha oficina económica para toda Galicia como interlocutor único coa Administración

Ademais de crear un fondo público-privado pioneiro entre as comunidades, adianta que se van investir case 100 millóns de euros tanto para facilitar liquidez ás empresas como para préstamos e créditos

Lalín (Pontevedra), 19 de outubro de 2023   A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe que os Orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano soben por riba da media, ata acadar máis de 430M€, para acelerar a tramitación administrativa, reforzar o financiamento e impulsar a innovación.

Nunha xuntanza coa Asociación de Empresarios Deza, Lorenzana detallou as contas da Consellería de Economía, Industria e Innovación para o ano que vén. Unha contas, dixo, que se incrementan un 5 por cento e teñen como principal obxectivo “dar resposta ás necesidades que teñen as empresas de axilizar as tramitacións administrativas e de eliminar a burocracia”.

Para iso, en liña co que anunciou no Debate do Estado da Autonomía o presidente da Xunta, avanzou que se porá en marcha un plan de aceleración de proxectos industriais e unha oficina económica para toda Galicia como interlocutor único coa Administración que van abranguer un investimento de máis de 6M€. Un reforzo a nivel tecnolóxico e administrativo para garantir que os proxectos industriais en Galicia se van tramitar no prazo dun ano e que “é clave para dar seguridade ás decisión empresariais e tamén para atraer novo tecido produtivo a Galicia”, subliñou.

Outro dos puntos fortes dos Orzamentos da Consellería de Economía, Industria e Innovación, será ofrecer financiamento ás empresas, tanto para facilitarlles liquidez como para préstamos e créditos, para o cal se van investir case 100M€. Nesta liña, tamén mencionou o fondo público-privado que vai impulsar a Xunta de Galicia e destacou que vai ser a primeira vez que unha comunidade autónoma pon en marcha un instrumento desde tipo, pola súa composición e dimensións, que xa se está tramitando na Comisión Nacional do Mercado de Valores.

En terceiro lugar, Lorenzana tamén apuntou a aposta pola innovación que recollen as contas do vindeiro exercicio, tan importante para a competitividade do tecido empresarial, puntualizou. Tal e como avanzou, será a primeira vez que a Xunta de Galicia activa unha liña de axudas específica para startups, ademais proseguir co desenvolvemento dos polos de innovación como é o caso do Polo de Tecnoloxías Cuánticas, e de procurar o binomio coa enerxía para a rebaixa do prezo eléctrico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/10/2023