O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, fixo hoxe balance deste servizo en comisión parlamentaria

O Teléfono da Infancia atendeu o ano pasado en Galicia preto de 1.600 chamadas, a cifra máis elevada desde que comezou a funcionar no ano 2012

A través deste recurso, que é gratuíto e funciona as 24 horas todo o ano, proporciónase unha atención inmediata a situación urxentes e problemáticas

A maioría das chamadas foron para obter información ou asesoramento e rexistráronse máis de 160 para comunicar sospeitas de maltrato a nenos e adolescentes
 

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2023 O Teléfono da Infancia 116111 atendeu o ano pasado en Galicia un total de 1.588 chamadas, a cifra máis elevada desde que comezou a funcionar este número de teléfono en xuño de 2012. Así o sinalou hoxe o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, nunha comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento autonómico na que fixo balance deste servizo.

O director xeral explicou que o Teléfono da Infancia é unha liña telefónica gratuíta que funciona durante as 24 horas, todos os días do ano. A través dela, proporciónase unha atención inmediata a situacións urxentes e problemáticas, ademais de ser unha vía de apoio, escoita e coñecemento das inquedanzas e necesidades dos nenos e adolescentes.

Para Jacobo Rey o incremento das chamadas atendidas demostra que este é unha ferramenta útil e necesaria, e animou a utilizalo para denunciar casos de emerxencia, como poden ser situacións de malos tratos relacionados coa infancia e a adolescencia.

Tipoloxía das chamadas

En canto á tipoloxía das chamadas, a maioría delas tiñan como obxectivo obter asesoramento e información. Así mesmo, rexistráronse máis de 160 para comunicar sospeitas de maltrato a nenos e adolescentes.

Desde que en xuño do ano 2012 se puxo en marcha o Teléfono da Infancia, téñense atendido máis de 14.000 chamadas telefónicas na nosa comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/10/2023