A Xunta aposta pola xestión da cadea de valor eólica e por centrar os esforzos no eido local
O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, estivo esta mañá en Santiago de Compostela na apertura da ‘X Xornada da Enerxía Eólica en Galicia’, organizada por Cluergal
O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá en Santiago de Compostela na apertura da X Xornada da Enerxía Eólica en Galicia, organizada por Cluergal. Nela, incidiu na importancia de xestionar a cadea de valor eólica -o que pode outorgar unha importante vantaxe competitiva a Galicia- e, sobre todo, centrar os esforzos no eido local.
A este respecto, pediu que os promotores asuman o seu papel de axente social pois supón unha garantía tanto para eles como para a veciñanza. Un obxectivo no que se traballará, tamén, desde a sociedade público - privada que velará por que parte dos beneficios dos proxectos que aproveiten recursos naturais teñan un impacto directo positivo en toda Galicia.
Na súa intervención, o director xeral referiuse á necesidade de enerxías renovables que demanda o novo modelo industrial e enerxético. Así, tras o peche das centrais térmicas da Comunidade e o cambio a un mix enerxético con predominancia de renovables, Galicia debe facer fronte á perda de preto de 2.000 MW.
Tal e como explicou, a Comunidade precisa da implantación de novos proxectos eólicos non só para garantir a viabilidade das novas industrias que se queren implantar en Galicia e que precisan dunha importante cantidade de enerxía, senón tamén para asegurar o futuro da industria instalada e evitar a súa deslocalización.