A Xunta volverá superar en 2024 os 250 M€ de investimento en infraestruturas e equipamento para os hospitais públicos

A xerente do Sergas destacou no Parlamento de Galicia a aposta do goberno galego por manter e mellorar o estado das infraestruturas sanitarias

O proxecto de orzamentos da Xunta para o ano 2024, consigna un total de 61 millóns de euros para seguir a renovar as infraestruturas e o equipamento en primaria

O capítulo total de investimentos da Consellería de Sanidade superará, por segundo ano consecutivo, os 400 millóns de euros en 2024
 

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2023   A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, anunciou esta mañá na Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, que a Xunta volverá superar no 2024, e por segundo ano consecutivo, os 250 millóns de euros de investimento para mellorar as infraestruturas e o equipamento dos hospitais públicos galegos.

Durante a súa intervención, López-Pardo defendeu no Parlamento de Galicia a xestión realizada polo Sergas en materia de infraestruturas sanitarias, remarcando que manter e mellorar o seu parque inmobiliario “segue a ser unha prioridade” para o Executivo galego.

Segundo precisou, o capítulo total de investimentos da Consellería de Sanidade superará de novo os 400 millóns de euros no ano 2024, unha partida que permitirá levar a cabo actuacións simultáneas nos centros sanitarios galegos, destacando as obras en marcha nos centros hospitalarios da Coruña, Ourense, Pontevedra, Ferrol ou Santiago, xunto coas actuacións nos sete hospitais comarcais que se executaron nesta lexislatura.

Na aposta da Xunta por mellorar as infraestruturas hospitalarias, López-Pardo salientou o investimento de máis de 500 millóns do proxecto do Novo Chuac na Coruña, os máis de 130 millóns do Plan director do Hospital Arquitecto Marcide en Ferrol, as obras de no Hospital de Ourense por un valor de 60 millóns de euros, os 155 millóns do proxecto do Novo Montecelo, ou os máis de 70 millóns destinados ás obras no Hospital Clínico Universitario de Santiago.

“Iniciamos esta lexislatura duplicando o capítulo de investimentos da Consellería de Sanidade” lembrou a xerente, apuntando que o investimento da Xunta pasou dos 175 millóns aos 350 entre os anos 2020 e 2021, que acadou os 350 no exercicio 2022, e que, por segundo ano consecutivo, voltará a superar os 400 millóns en 2024, tal e como acontecera o pasado ano.

Infraestruturas e equipamento para Atención Primaria

En canto ao primeiro nivel asistencial da Sanidade galega, López-Pardo puxo en valor o grao de desenvolvemento do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria. Un documento no que a Xunta definiu, segundo criterios asistenciais, cales eran os investimentos prioritarios a realizar.

Neste senso, López-Pardo realizou un detallado repaso sobre o conxunto de actuacións que ten feito a Xunta de Galicia durante os últimos anos, e avanzou que o proxecto de orzamentos para o ano 2024, consigna un total de 61 millóns de euros para seguir renovando as infraestruturas e o equipamento en primaria.

En cifras, desde o ano 2009 a Xunta construíu ou reformou un total de 115 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 83.000 metros cadrados, e un investimento de máis de 132 millóns euros para as infraestruturas de atención primaria. Ademais, a eles débense engadir as actuacións que actualmente están en marcha (Lalín, Porriño, Moaña e o CIS Olimpia Valencia en Vigo).

López-Pardo pechou a súa intervención remarcando que o Executivo galego seguirá investindo en infraestruturas e equipamento sanitario co obxectivo de que o Servizo Galego de Saúde continúe a achegar á poboación galega unha asistencia sanitaria de máxima calidade.

 

Data de actualización: 19/10/2023