O presidente do Goberno galego participou no Senado na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas

Alfonso Rueda defende o principio da igualdade no Estado autonómico para a elaboración de políticas que beneficien o conxunto da cidadanía

Propón a creación dunha “auténtica axenda de Estado” baseada en resolver os problemas dos cidadáns e que non dea “pasos atrás” na convivencia entre todos os territorios
 

Pide un reparto equitativo dos recursos públicos e asegura que a comunidade galega sempre defenderá un “autonomismo responsable” que dea prioridade aos intereses xerais por enriba dos particulares
 

Avoga por que o modelo territorial do futuro pase por avanzar en harmonía sobre unhas bases políticas, legais e financeiras que blinden a igualdade entre todos os españois, sendo a política autonómica o “elemento de unión fundamental”
 

Madrid, 19 de outubro de 2023  

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, defendeu hoxe a importancia de preservar o principio de igualdade no actual Estado das autonomías para, deste xeito, formular desde cada comunidade políticas que beneficien a toda a cidadanía, viva no territorio que viva, a través da capacidade que teñen de formular propostas que axuden o conxunto do país “a avanzar con harmonía e equidade”.  

O titular do Goberno galego referiuse así na súa intervención na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas que se celebrou esta mañá no Senado, una cita da cal salientou a súa importancia para avogar pola unidade do territorio e evitar as desigualdades nun estado autonómico como España.  

Axenda de Estado

Neste senso, avogou por deixar a un lado as diferencias ideolóxicas entre as comunidades para permitir crear unha “auténtica axenda de Estado”, en referencia á inclusión nela da política demográfica, da vertebración territorial, da abordaxe do avellentamento ou a reforma do financiamento autonómico co obxecto principal de “resolver, cada día, os problemas dos cidadáns”. 

Con respecto a esa axenda de Estado, defendeu que o “primeiro principio” debe ser non permitir “dar pasos atrás” na defensa da convivencia entre todos os territorios. Para iso, reclamou exercer un “autonomismo responsable” que teñan en conta que “por riba dos intereses particulares, están os xerais”.  

Na mesma liña, avogou por manter o principio de “solidariedade entre territorios” cun reparto equitativo dos recursos públicos. Consecuentemente, garantiu que o “egoísmo nunca será a forza motriz” de Galicia, comunidade que definiu como “aberta e universal”. “As inquietudes de Galicia non se acaban ao cruzar o Eo, o Padornelo ou o Miño”, exemplificou. 

Para o representante autonómico, o modelo territorial do futuro pasa por avanzar en harmonía sobre unhas bases políticas, legais e financeiras que blinden a igualdade entre todos os españois. 

Modelo político e institucional de Galicia baseado no benestar

Precisamente, Rueda puxo como exemplo o modelo político e institucional que se leva construíndo en Galicia nos últimos anos, centrado no benestar das galegas e galegos e cunha xestión económica razoable baseada no “sentidiño”. Todo co obxectivo de garantir a estabilidade, a unidade, a responsabilidade e a lealdade que fan posible exercer o autogoberno con forza política e con autonomía financeira.

 O presidente da Xunta indicou que Galicia permanece moi atenta á redefinición do modelo territorial de España que se está a impulsar desde certos ámbitos e advertiu que a  “igualdade entre os españois non pode poxarse a cambio de cálculos políticos”. 

Ante esta situación, o mandatario galego salientou a “lealdade” coa que Galicia se relaciona co Goberno de España e coas demais comunidades autónomas, pero “non desde a submisión”, matizou. “Non temos forzado as costuras do Estado, pero tampouco temos deixado de reclamar o que en xustiza nos corresponde”, aseverou.

Así, lamentou a “férrea e implacable” ortodoxia co que o Goberno central analiza “con lupa” a normativa que Galicia aproba no ámbito das súas competencias, en referencia ao recurso ante o Tribunal Constitucional da Lei galega do Litoral. “Tanta mansedume con uns e canta man dura con outros”, recriminou. 

Política autonómica como "o elemento de unión fundamental”

Para rematar a súa intervención, o presidente galego insistiu no seu convencemento de atribuírlle á política autonómica “o elemento de unión fundamental” de todo o territorio e, por iso, defendeu a participación periódica no Senado dos presidentes autonómicos para expoñer as prioridades e inquietudes das respectivas comunidades.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/10/2023