A Xunta participará en novembro no primeiro encontro mundial de empresarios galegos no Uruguai para reforzar a relación comercial entre as rexións

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na presentación deste evento, que se levará a cabo entre o 16 e o 18 do vindeiro mes en Montevideo e Punta del Este en colaboración coa Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai

Salienta a importancia da cooperación público-privado, chave no papel que xogan as asociacións galegas de empresarios no exterior na proxección internacional e na “consolidación da Marca Galicia” en todo o mundo

Resalta a relevancia da diversificación para crecer nos mercados exteriores, que no caso do Uruguai ten permitido incrementar as vendas en distintos sectores entre os que destacan o agroalimentario e a automoción

Subliña que as vendas ao exterior ao Uruguai seguen “unha liña claramente ascendente” incrementándose un 47,8 % no último lustro ata acadar os 30 M€
 

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na presentación do Encontro Mundial de Empresarios Galegos no Uruguai, un evento que se celebrará o vindeiro mes de novembro no país suramericano e que permitirá reforzar a xa importante relación comercial entre ambas rexións.

“Grazas á colaboración da Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai (AEGU), podemos anunciar hoxe este encontro, que celebraremos, baixo o lema Un camiño de integración e oportunidades, entre o 16 e o 18 de novembro en Montevideo e en Punta del Este”, incidiu Toca Carús, que estivo acompañada polo cónsul xeral do Uruguai en Galicia, Ramiro Rodríguez Bausero, e pola prosecretaria da Asociación, Beatriz Doldán Montes.

A directora do Igape agradeceu a AEGU, que suma máis de 200 empresarios, o seu traballo, e puxo en valor a importancia da cooperación público-privada para o desenvolvemento de proxectos como este, que facilitará impulsar novos negocios e que contará coa presenza de delegacións de empresarios do Uruguai, Galicia, Cataluña, Estados Unidos, México, República Dominicana, Brasil e Arxentina.

“Vós sodes os nosos embaixadores no mundo; representades a imaxe dunha Galicia que grazas ao voso traballo reforzou a súa proxección internacional”, afondou Covadonga Toca, salientando a importancia que teñen as asociacións galegas de empresarios no exterior na proxección internacional e na “consolidación da Marca Galicia” en todo o mundo.

Neste marco, a directora do Igape destacou tamén a transcendencia da diversificación para crecer nos mercados exteriores, que no caso do Uruguai ten permitido incrementar as vendas en distintos sectores entre os que destacan o agroalimentario e a automoción. “Ambos os territorios diversificamos as nosas exportacións e importacións, creando oportunidades para o crecemento económico e a colaboración en diversas áreas”, expuxo.

As vendas ao Uruguai seguen unha liña claramente ascendente incrementándose un 47,8 % no último lustro ata acadar os 30 M€. Un crecemento parello ao que veñen reflectindo as exportacións galegas, que acadaron no último ano unha cifra histórica ao sumar case 30.000 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2023