A Xunta destaca o servizo de orientación xurídico-laboral que ofrece cos graduados sociais e que atendeu en Lugo máis de 80 consultas este 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, clausurou hoxe a V Xornada Iuslaboralista do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo

Lembrou que grazas á colaboración con este colectivo profesional, o Goberno galego dispensa un recurso de asesoramento gratuíto a empresas e traballadores sobre contratos, prestacións, igualdade ou emprendemento

Lugo, 18 de outubro de 2022

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, clausurou hoxe a V Xornada Iuslaboralista do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo, un acto que aproveitou para destacar a utilidade do servizo gratuíto de orientación xurídico-laboral, que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ten ao servizo da cidadanía grazas á colaboración cos tres colexios oficiais de graduados sociais en Galicia (Lugo, Pontevedra e A Coruña e Ourense).

Na xornada destacou que no que vai de 2023, no Colexio de Lugo atendéronse 83 consultas sobre asuntos relacionados coas relacións laborais.  

A directora xeral puxo en valor esta iniciativa coa que o Goberno galego está a atender consultas sobre prestacións, contratos, convenios ou salarios, etc. Este servizo gratuíto, incidiu Mancha, asesora tamén sobre cuestións relacionadas co emprendemento e o traballo autónomo e relacionadas coa igualdade laboral e medidas contra a discriminación ou o acoso no lugar de traballo.

Poden acceder a esta orientación xurídico-laboral persoas físicas que non teñan a condición de empresarias e os traballadores autónomos que pretendan iniciarse no emprendemento. Tamén poden utilizar o asesoramento en materia de igualdade, discriminación e acoso, as persoas colexiadas con respecto aos seus despachos, así como os clientes, no caso de requirilo. 

O funcionamento do servizo responde a un convenio asinado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade cos tres colexios oficiais de graduados sociais que se vén de duplicar este ano: Lugo (10.000 euros), Pontevedra (10.000 euros) e A Coruña-Ourense (10.000 euros).

A Xunta de Galicia quere seguir a acompañar ás persoas traballadoras e empresarias a través deste recurso que ofrece atención especializada e gratuíta acerca das novidades que afectan ao eido laboral, tanto no ámbito da lexislación como das novas formas de traballo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2023