A Xunta acolle ata o 6 de novembro unha exposición itinerante sobre emprego inclusivo organizada por Down Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, participou na inauguración da mostra, que busca fomentar a inserción sociolaboral das persoas con discapacidade

Lugo, 18 de outubro de 2023   A Delegación Territorial da Xunta acolle desde hoxe ata o 6 de novembro unha exposición itinerante sobre emprego inclusivo organizada por Down Lugo, co obxectivo de fomentar a inserción sociolaboral das persoas con síndrome de Down. O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, participou na inauguración xunto coa presidenta da entidade, María José Blanco, entre outras persoas.

A mostra está formada por doce paneis que repasan os avances logrados neste eido nos últimos vinte anos, desde que se implantou en Galicia en 2002 a metodoloxía do emprego con apoio. Recolle o balance dese período, con 33 persoas usuarias de Down Lugo que tiveron algún contrato ou fixeron prácticas; 52 empresas colaboradoras e 10 concellos da provincia nos que se desenvolveu o programa.

Tamén visibiliza a varios membros do colectivo lucense que desenvolven o seu labor profesional en sectores moi diversos, e informa sobre as diferentes liñas de axudas ás que poden acceder as empresas que contraten e persoas con discapacidade.

Arias felicitou á asociación polo seu traballo para promover a autonomía das persoas con síndrome de Down e subliñou que a Xunta apoia o labor desta entidade a través de diferentes liñas de axudas e convenios. Apuntou que recentemente a Consellería de Política Social e Xuventude asinou un acordo con Down Galicia para promover a inserción laboral das persoas con discapacidade en distintas localidades e cidades galegas, entre elas Lugo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2023