A Xunta adxudica por máis de 304.000 € as obras para executar un aparcadoiro disuasorio na estrada PO-546 en Lourizán, no concello de Pontevedra

O novo equipamento construirase na vía autonómica, no tramo entre o acceso ao Pazo de Lourizán e a intersección co núcleo do Rozo

Habilitaranse un total de 71 prazas, das que 2 se reservan para persoas con mobilidade reducida

A intervención complementarase con alumeado público, videovixilancia ou preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos

O aparcadoiro situarase na vía principal de comunicación entre Pontevedra e o resto da comarca do Morrazo, polo que poderá facer funcións tanto de carpooling, como vinculado ao uso do transporte público

Na contorna dos 300 metros do aparcadoiro hai 4 paradas de autobús que comunican Pontevedra cidade coa comarca do Morrazo
 

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023

A Xunta vén de adxudicar por máis de 304.000 € as obras dun aparcadoiro disuasorio na estrada autonómica PO-546 en Lourizán, no concello de Pontevedra.

As actuacións, adxudicadas á empresa Construcciones, Obras y Viales S.A, consisten na construción dun aparcadoiro entre a vía de acceso ao Pazo de Lourizán e a intersección da estrada de conexión da PO-546 co núcleo do Rozo.

Este novo equipamento executarase no tramo da estrada vella entre Marín e Pontevedra situado entre os quilómetros 2+750 e 2+950 da PO-546 e contará cunha superficie total de 2.465 m².

Habilitarase un total de 71 prazas de estacionamento en batería e dúas desas prazas reservaranse para persoas con mobilidade reducida.

A situación considerouse idónea ao atoparse nesta vía principal de comunicación entre Pontevedra e o resto da comarca do Morrazo, facendo as funcións tanto de carpooling, como vinculado ao uso do transporte público.

Na contorna dos 300 metros do aparcadoiro existen 4 paradas de autobús que comunican Pontevedra cidade coa comarca do Morrazo, convertendo o emprazamento nun lugar de intercambio modal.

O aparcadoiro terá un deseño lineal de única dirección e sentido, paralelo ao viario adxacente, dispoñendo de xiros unicamente nos puntos de conexión coa estrada PO-546.

A actuación compleméntase coa dotación de alumeado público, videovixilancia, preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos e a incorporación de vexetación na contorna.

Esta actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Data de actualización: 18/10/2023