A Xunta reforza o compromiso coas entidades locais con máis de 152 M€ do Fondo de cooperación local

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, mantiveron un encontro con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias

 

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2023 A Xunta destinará o próximo ano máis de 152 millóns de euros ao Fondo de Cooperación Local (FCL), o que supón un incremento superior ao 6%. Desta contía, 112,9 millóns de euros corresponden ao fondo base e 39,3 millóns ao fondo adicional. Destaca o incremento do fondo adicional en case un 30% respecto aos 30,5 millóns de euros do ano pasado, o que xa supuxera un incremento histórico do 135% fronte á contía de 2022.

Así llo trasladaron hoxe o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, aos representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) no marco da subcomisión permanente do réxime económico e financeiro da Comisión de Cooperación Local.

Ademais, no encontro de hoxe, no que tamén participaron as directoras xerais de Administración Local, Natalia Prieto, e de Planificación e Orzamentos, Almudena Chacón, informouse de que en 2024 se liquidará o rendemento efectivo do FCL de 2022, cun importe estimado de 5,84 millóns de euros.

Por outra banda, á cantidade total asignada ao Fondo de Cooperación Local hai que sumar outras liñas de axudas e subvencións das distintas consellerías, así como a dotación correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que en 2024 acadará os 11 millóns de euros de orzamento.

Este apoio permitiu colaborar só neste exercicio con 27,2 millóns de euros do Goberno galego un total de 600 iniciativas impulsadas polos concellos galegos, incluíndo varias ordes de axudas do fondo adicional do FCL destinadas a concellos de menos de 15.000 habitantes.

Cómpre sinalar que Galicia foi unha comunidade pioneira en establecer un instrumento de financiamento estable das entidades locais a través do Fondo de Cooperación Local. Regulado anualmente a través das leis de orzamentos da comunidade, establece un modelo de participación estable das entidades locais nos tributos autonómicos.

Segundo explicou o vicepresidente primeiro, a Xunta seguirá a reclamar ao Goberno central un novo sistema de financiamento local que garanta a suficiencia financeira dos concellos pero, mentres, desde a Xunta, estase a compensar estes desfases con transferencias ás entidades locais tanto co Fondo de Cooperación Local como con outras liñas de axudas específicas. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/10/2023