A secretaria xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asistiu hoxe ao encontro informativo que se celebra en Almería

Galicia defende o seu modelo de xestión do litoral nun curso promovido polo consello xeral do poder xudicial e o goberno andaluz

Entre os relatores participantes destaca Marta García, catedrática da Universidade da Coruña e unha das redactoras da Lei galega de xestión e ordenación integrada do litoral

Almería, 17 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia defendeu hoxe o seu modelo de xestión integral da franxa costeira no marco do curso Ordenación e xestión do litoral que se imparte desde onte en Almería no marco dun convenio de formación continua subscrito entre o Consello Xeral do Poder Xudicial e o Goberno andaluz.

Tras asistir como xurista e representando ao Executivo galego na segunda e última xornada do encontro, a secretaria xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Carmen Bouso, lembrou que ese modelo inspirou os principios fundamentais da Lei de xestión e ordenación integrada do litoral galega, aprobada polo Parlamento autonómico en xuño sen ningún voto en contra.

Precisamente hoxe, Marta García, catedrática en Dereito Administrativo da Universidade da Coruña e unha das redactoras da norma galega como membro do Observatorio do litoral, foi unha das poñentes principais do curso, durante o que impartiu unha conferencia sobre titularidade e competencias en dominio público e, en particular, en dominio público marítimo-terrestre.

Neste sentido, Carmen Bouso salientou a “experiencia e prestixio” dos xuristas que, como Marta García, se implicaron na elaboración da Lei do litoral galega, un texto que a Xunta decidiu impulsar o ano pasado, recordou, co “aval previo” do Consello Consultivo de Galicia e no marco das competencias exclusivas que lle atribúe o Estatuto en materia de ordenación do territorio. Por iso, concluíu que esta norma “non vai contra ninguén” senón que responde á “defensa dos lexítimos intereses da Comunidade”.

Pola súa parte, os asistentes coincidiron en destacar o carácter innovador da lei galega, por cuxo contido felicitaron tanto ao equipo xurídico da Xunta como aos membros do Observatorio do litoral encargados da súa redacción.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/10/2023