A Xunta impulsa con 300.000 € un plan formativo para preto de 1.000 comerciantes en colaboración coa Cámara da Coruña

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, presentou hoxe o acordo mediante o cal se desevolverán 26 cursos na modalidade de teleformación

Centraranse en emprendemento e xestión comercial, transformación dixital, estratexia, punto de venda e sustentabilidade e terán carácter gratuíto
 

A Coruña, 17 de outubro de 2023

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, presentou hoxe un convenio de colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña para impulsar a competitividade do sector comercial mediante un plan formativo do que se poderán beneficiar preto de 1.000 comerciantes.

No marco desta iniciativa, que a Consellería de Economía, Industria e Innovación financia con 300.000 euros, desenvolveranse durante este ano e o que vén un total de 26 cursos na modalidade de teleformación centrados en emprendemento e xestión comercial, transformación dixital, estratexia, punto de venda e sustentabilidade.

Así, entre os cursos, que se poñerán en marcha con carácter gratuíto, atópanse materias como a constitución e plan de negocio para o pequeno comercio; xestión fiscal, contable e laboral; competencias dixitais; comercio electrónico; social media; atención ao cliente; inglés ou eficiencia enerxética, entre outros.

O programa diríxese a persoas traballadoras por conta allea e autónomas no sector comercial; traballadores deste sector en situación de desemprego (principalmente mozos/as e mulleres) e mulleres, persoas desempregadas de longa duración e maiores de 45 anos.

O obxectivo desta iniciativa é contribuír á mellora da competitividade das pequenas e medianas empresas comerciais mediante a adopción de metodoloxías que permitan incorporar a innovación dun xeito sistemático na súa actividade habitual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/10/2023