O conselleiro de Educación inaugura a xornada de formación para máis de 700 coordinadores destes espazos

Os Polos creativos incorporan 35 docentes para crear unha rede de apoio que favoreza a súa extensión

Román Rodríguez destaca a expansión progresiva deste programa a todos os centros e a vontade da Xunta de implicar ás familias e contorna nas súas accións

O Goberno galego pon o acento na formación específica dos docentes que se ocupan destes espazos de innovación, coa creación desta rede de asesoramento que actúa desde os Centros de Formación

Levarase estes espazos a máis de 1.200 centros, cun investimento próximo aos 19M€

Coincidindo coa esta xornada, a Consellería vén de publicar as instrucións para o desenvolvemento e organización dos Polos Creativos

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou a xornada de formación dos coordinadores dos Polos Creativos que se incorporan a este proxecto este curso nos centros educativos galegos. Unha cita que reúne a máis de 700 persoas e na que se anunciou a creación dunha nova rede de apoio a estes espazos, conformada por 35 docentes. Os participantes neste encontro teñen a oportunidade de intercambiar coñecementos, co obxectivo é avanzar no desenvolvemento de todas as posibilidades deste espazos.

Cómpre lembrar que este curso a Xunta inicia a expansión dos Polos Creativos ao 100% dos centros galegos que imparten ensinanzas regradas de Educación Infantil, Primaria e ESO, tras comprobar o bo funcionamento dos 225 que se implantaron o pasado ano académico. Isto supón a instalación deste espazos en máis de 1.200 centros, cun investimento próximo aos 19M€. Todos eles están dotados do correspondente material audiovisual, de electrónica e robótica, de tecnoloxía, téxtil ou de informática, con kits adaptados a cada nivel educativo.

Na súa intervención, o titular do departamento educativo da Xunta destacou que a Xunta pon o acento na formación do profesorado que atende os Polos, para o que se acaba de poñer en marcha a nova Rede de Asesoría de Polos Creativos, conformada por 35 docentes que desde os centros de formación e recursos do profesorado realiza labores de mentoring. “Os profesionais desta Rede contan cun perfil técnico con experiencia previa na xestión destes espazos, pero tamén con coñecementos pedagóxicos e tecnolóxicos especializados que permitirán ofrecer o apoio necesario para sacar o máximo rendemento ás capacidades de cada instalación”, sinalou o conselleiro.

A este respecto, o conselleiro quixo agradecer agradeceu a implicación do profesorado, ao que sinalou como un dos piares fundamentais do éxito dos Polos Creativos.

Espazos para toda a comunidade educativa

Román Rodríguez salientou as “grandes oportunidades pedagóxicas dos Polos Creativos, que supoñen un antes e un despois no ensino galego, un salto cualitativo e cuantitativo”. “As competencias STEM son parte xa do presente e, a través deste programa, queremos vencellalas ao fomento da creatividade dos alumnos, para darlles oportunidades de cara ao futuro, formándoos nas habilidades que van precisar”, afirmou.

Sinalou, ademais, a vontade do Goberno galego de “abrir estes espazos ao conxunto da comunidade educativa e da contorna, de tal forma que funcionen como núcleos dinamizadores deste ensino de vangarda promovendo actividades que traspasen ás paredes dos centros educativos, mesmo implicando á veciñanza”, salientou.

Acompañamento e asesoramento

Coincidindo con esta xornada, o Diario Oficial de Galicia vén de publicar as instrucións para o desenvolvementos dos Polos Creativos, a través das que se guía aos centros para a súa posta en funcionamento, organización (a través dun equipo dinamizador e unha persoa coordinadora).

Tamén se establecen as funcións da Rede de apoio aos Polos, fundamentalmente a de acompañar o profesorado e os centros durante o desenvolvemento do programa, tanto no día a día como no desenvolvemento e impartición de actividades formativas específicas.

Defínese, ademais, o seu papel como núcleos dinamizadores no marco da Estratexia educación dixital 2030, de maneira que poderán albergar actividades de tipo obradoiro tanto para o profesorado como para o alumnado, buscando especialmente a implicacións das nais e pais.

Data de actualización: 17/10/2023