A Xunta renova o seu compromiso coas Hermanas Oblatas de Ferrol para a recuperación e integración sociolaboral de vítimas de trata e explotación sexual

A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ao centro de día O Mencer que atende unha media diaria entre 20 e 30 persoas onde coñeceu o traballo que leva a cabo a entidade

O Goberno galego destina este ano preto de 450.000 euros a financiar os proxectos de 12 entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e a vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual

Ferrol, 17 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia colabora coas Hermanas Oblatas na recuperación e integración sociolaboral de persoas vítimas de trata e de explotación sexual en Ferrol cunha axuda da Secretaría Xeral de Igualdade de 40.339 euros. A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ao centro de día O Mencer, un programa de recursos especializado para mulleres que exercen a prostitución e son vítimas de trata con fins de explotación sexual, coa fin de coñecer o seu traballo diario.

Acompañada polo coordinador do centro, Roberto Ferreiro, e polo xefe territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Pablo Lorenzo, Aneiros coñeceu os programas que actualmente teñen en marcha no centro que atende unha media de entre 20 e 30 mulleres ao día.

Por unha banda, desenvolven actuacións directas na rúa, con intervencións en pisos e clubs onde coñecen as necesidades máis inmediatas destas mulleres e lles informan sobre os recursos que teñen á súa disposición. Tamén levan a cabo atención no propio centro, onde tamén poden acceder a distintos recursos formativos. Neste ámbito desenvolven talleres de informática ou idiomas, entre outros, coa finalidade de mellorar a inserción laboral das usuarias. Ademais teñen aberta unha bolsa de emprego propia vinculada ao sector da axuda no fogar e a hostalería.

As Hermanas Oblatas é unha das 12 entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que se beneficiaron este ano desta orde de axudas para proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual á que o Goberno galego destinou un orzamento de preto de 450.000 euros. Entre as actuacións a financiar inclúese a atención inicial nos chamamentos polas autoridades xudiciais, fiscais e policiais con vítimas de trata; asesoramento social e actuacións de apoio directo nas relacións con entidades, organismos e servizos para a realización de trámites administrativos; atención psicolóxica para abordar posibles trastornos emocionais e/ou conductuais na procura da súa recuperación persoal; así como orientación e asesoramento xurídico e laboral.

A delegada territorial tamén sinalou que a Xunta apoia os programas de atención en traballo de rúa como o que levan a cabo as Hermanas Oblatas co obxectivo de “chegar aos lugares onde se poden atopar persoas vítimas de trata de serres humanos para ofrecerlles información sobre os recursos cos que contan”.

Máis de 3,2 millóns dende 2026

Aneiros puxo en valor os máis de 3,2 millóns de euros en axudas a entidades concedidos en Galicia desde 2016, ano no se realizou a primeira convocatória, “o que permitiu atender nestes sete últimos anos máis de 3.600 vítimas a través dos seus programas”.

Estas axudas enmárcanse no conxunto de actuacións que a Xunta mantén desde hai anos para garantir a protección das vítimas a través de protocolos de detección destes casos e a derivación das vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual a profesionais de distintos ámbitos que lles axuden a acceder a recursos de asistencia especializados.

Galicia recoñece a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual como violencia de xénero, polo que poden acceder así á axuda económica mensual para as vítimas da violencia de xénero e aos recursos de apoio xurídico, psicolóxico, social e de apoio á inserción laboral, entre outros. Como novidade, a partir de 2023, inclúense tamén como vítimas de violencia de xénero as de explotación sexual, polo que tamén poderán acceder a todos estes recursos.

A Xunta, ademais, ten vixente o primeiro Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024, co fin de articular políticas que dean unha resposta integral e coordinada ás situacións de trata con fins de explotación sexual e contribuír á súa erradicación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/10/2023