O director de Turismo de Galicia participa na presentación do proxecto ‘Camino de Europa’ impulsado, entre outros, pola Mancomunidade de concellos do Camiño Francés

Xosé Merelles destaca o “decisivo papel” do Camiño de Santiago para revitalizar a economía do rural galego

Refírese ao positivo impacto que ten a actividade dos peregrinos nas contornas “polo efecto multiplicador do gasto que realizan nos establecementos locais”

Salienta a importancia de contar con proxectos como o presentado hoxe, que conecta a peregrinos con produtores galegos empregando as tecnoloxías

Recorda que a Xunta traballa para facer tamén un Camiño cada vez máis innovador cun investimento de 16 M€ dentro do Plan Director do Camiño de Santiago 22-25

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou hoxe o “decisivo papel” que o Camiño de Santiago está a ter nos últimos anos á hora de revitalizar a economía do rural galego e contribuir “a que o seu impacto socioeconómico sexa positivo”. Así o expresou durante a presentación do proxecto Camino de Europa, unha iniciativa apoiada con fondos europeos e levada a cabo, entre outros, pola Mancomunidade de concellos do Camiño Francés. O seu propósito é mellorar a experiencia dos peregrinos aos que se lles pon en contacto con produtores locais mediante o uso da tecnoloxía.

 

Neste sentido, Xosé Merelles valorou a posta en marcha de iniciativas que permitan reforzar o papel que a ruta xacobea ten na economía do rural galego. “Axudará a contar cun Camiño de Santiago cada vez máis forte, innovador e tamén máis sustentable”, expresou. Como dixo, trátase de obxectivos compartidos coa xestión da ruta xacobea que leva a cabo o Goberno autonómico con ferramentas como o Plan Director dos Camiños de Santiago aprobado o ano pasado cun investimento de máis de 140 M€. Con vixencia ata o vindeiro Ano Santo 2027, ten entre os seus retos a innovación e o emprendemento.

 

Adaptación aos novos hábitos

“Porque entendemos que o Camiño de Santiago é unha oportunidade para vivir a experiencia ao tempo que contribúe de xeito decisivo ao avance socioeconómico das zonas rurais. E así tamén nolo indican estudos como o realizado pola Universidade de Santiago que cuantifican o impacto dun peregrino como o de 2,3 turistas nacionais polo seu efecto multiplicador”, explicou.

 

Para seguir fortalecendo ese impacto positivo, explicou a importancia que tamén ten o feito de que a ruta xacobea se adapte progresivamente aos novos hábitos dos peregrinos, onde a tecnoloxía ten un lugar destacado. Neste sentido, explicou que a Xunta destina unha das 17 liñas de acción do Plan Director dos Camiños de Santiago a traballar por un Camiño de Santiago cada vez máis innovador. Cun investimento de 16 M€, inclúense, entre outros aspectos, apostar pola dixitalización do patrimonio e o sector turístico ou prover de ferramentas de xestión de asistencia ao peregrino.

 

O director de Turismo de Galicia felicitou aos impulsores de Camiño de Europa pola súa iniciativa á hora de pór en marcha unha app que mellora a experiencia tanto dos peregrinos como da veciñanza. Conecta aos camiñantes con produtores locais mediante un Marketplace integrado nunha app. Búscase con isto que os peregrinos poidan desfrutar de experiencias culturais e consumir productos locais contribuíndo así a un crecemento económico sustentable da zona e ao mantemento das tradicións.

Data de actualización: 17/10/2023