A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde lidera o novo programa eurorrexional para o fomento da innovación e transferencia de resultados en investigación biomédica

O proxecto ‘Transfiresaúde’ impulsará a integración do ecosistema de I+D+i en saúde transfronteiriza para abordar retos conxuntos con Portugal, como é o caso do envellecemento activo e saudable e a medicina personalizada

O proxecto contempla unha convocatoria por valor de medio millón de euros para o impulso dos resultados da investigación biomédica en Galicia
 

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2023

A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) liderará o novo proxecto eurorrexional ‘Transfiresaúde’, un programa no que entidades galegas e do norte de Portugal colaborarán para fomentar a innovación e a transferencia de resultados en investigación biomédica.

Xunto con ACIS, outros seis socios colaborarán no desenvolvemento dun proxecto que acaba de ser concedido polo Comité de xestión do Programa de Cooperación Interreg (POCTEP), para o impulso do ecosistema de I+D+i en saúde, e que contará cun orzamento superior os 1,8 millóns de euros. A súa duración estenderase durante os vindeiros 3 anos.

En concreto, as entidades galegas que participarán no programa serán: a Universidade de Vigo, CITIUS, Eurocidade Chaves-Verín e, por parte de Portugal: o Instituto de investigación a Universidade de Porto I3S, o Centro Clínico Académico 2CA Braga, e a Asociación Centro de Medicina P5 ACMP5).

Ademais da coordinación do proxecto, entre as tarefas a liderar por parte da ACIS figuran o desenvolvemento dun plan de acción conxunto entre os principais grupos de investigación rexionais, a creación dunha plataforma colaborativa para o desenvolvemento de solucións innovadoras, así como unha convocatoria de impulso dos resultados en investigación biomédica, por valor de medio millón de euros.

O proxecto aposta polo reforzo da integración do ecosistema de investigación e innovación en saúde eurorrexional, co obxectivo de desenvolver actuacións conxuntas para abordar os retos vencellados ao envellecemento activo e saudable e a medicina personalizada, preferentemente, na contorna da atención primaria.

Este reto interrexional abordarase conformando unha asociación transfronteiriza que afronte a problemática desde enfoques diferentes pero que, a súa vez, sexan complementarios. Por unha parte, procurará o reforzo da integración do ecosistema investigador, identificando as principais necesidades do sector sanitario e traballando na súa abordaxe. E pola outra, a aceleración dos mellores resultados de investigación biomédica para a súa aproximación ao mercado e fomento da colaboración público/privada (como pode ser a Compra Pública Innovadora, na que o Servizo Galego de Saúde é referente europeo).

Data de actualización: 17/10/2023