O delegado territorial destaca o “importante beneficio para os comerciantes e as familias” dos Bonos Activa Comercio

O delegado territorial visitou esta mañá un establecemento comercial da cidade de Pontevedra para coñecer de primeira man os resultados desta campaña

Na provincia de Pontevedra hai máis de 2.300 establecementos adheridos, dos cales preto de 250 corresponden ao concello de Pontevedra

Pontevedra, 17 de outubro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá un establecemento comercial da cidade de Pontevedra, Pedestal, para coñecer de primeira man os resultados que está a ter o programa Bonos Activa Comercio da Xunta.

Reguera lembrou que esta iniciativa, que conta cun orzamento de 2.5 millóns de euros, ten como obxectivo dinamizar o comercio de proximidade con descontos que van dos 5 aos 15 euros, dependendo do importe da compra. En total, a Xunta espera mobilizar preto de 8.5 millóns de euros en toda Galicia grazas a esta iniciativa. Neste sentido, o delegado destacou a importancia de potenciar este tipo de programas que “non só axudan ao comercio, senón que tamén supoñen un importante beneficio para as familias, nun momento no que a inflación está a minguar a súa capacidade adquisitiva”.

Cabe destacar que cada persoa pode descargar o seu bono de 30 euros na web www.bonosactivacomercio.gal. Dito bono poderá ser utilizado en calquera dos centos de establecementos adheridos que hai en toda Galicia. Na provincia de Pontevedra, hai actualmente máis de 2.300 establecementos que participan na campaña, dos cales preto de 250 corresponden ao concello de Pontevedra.

Durante a súa visita, o delegado territorial tivo a oportunidade conversar coa encargada de Pedestal, quen lle transmitiu a súa satisfacción co aumento de vendas que están a rexistrar nos últimos días grazas a esta campaña da Xunta.

Os bonos estarán dispoñibles para calquera persoa ata o día 31 de decembro, ou ata que se esgote o orzamento previsto para a campaña. “O compromiso da Xunta é seguir apoiando ao noso comercio, seguir poñendo todas as facilidades para que tanto as familias como os comerciantes se poidan beneficiar deste tipo de iniciativas”, concluíu o delegado territorial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/10/2023