A Xunta pon en valor a colaboración cos axentes sociais no deseño de políticas para favorecer a implantación de medidas de igualdade laboral

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na I Xornada autonómica de igualdade organizada polo CSIF co apoio da Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou na I Xornada autonómica de igualdade organizada por CSIF Galicia, onde puxo en valor a oportunidade que a Xunta está a brindar ás organizacións sindicais financiando actividades como a de hoxe, que permiten reflexionar e avanzar na busca da igualdade no eido laboral.

Lembrou que o Goberno galego colabora cos axentes sociais na implantación de medidas para a efectiva igualdade de oportunidades entre o tecido empresarial galego e o impulso decisivo a medidas que permitan exercer ás familias a corresponsabilidade nas tarefas domésticas e coidados de menores e persoas maiores.

Galicia é unha das comunidades con máis medidas activadas para apoiar a implantación de plans de igualdade nas empresas. Neste senso, dispón axudas para asesoramento a gabinetes de igualdade de sindicatos e empresarios e para a formación en negociación de plans de igualdade. A maiores estase a por a dispor das empresas un paquete de ferramentas tecnolóxicas, cun sistema de autoavaliación e un servizo específico que atende consultas sobre plans de igualdade, rexistro e auditoría retributiva.

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais, está a ofrecer formación a través do campus virtual en igualdade laboral que duplica este ano a súa oferta e conta con máis de 3.000 persoas usuarias.

As políticas activas de emprego da Xunta teñen ás mulleres como colectivo prioritario. Así se reflicte no Plan Emprega Muller que se está a desenvolver este ano con máis de 16 millóns de euros mobilizados para outorgarlle á muller maior protagonismo e liderado no mercado de traballo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/10/2023