A Xunta financia con 170.000 euros un programa de atención integral ás persoas sen fogar que desenvolve Cruz Vermella

Galicia conta desde 2019 cun plan específico para este grupo de poboación con máis dun centenar de medidas

O Executivo autonómico destina ao ano máis de 3 millóns de euros en axudas a entidades de iniciativa social e concellos para combater o senfogarismo

A Coruña, 17 de outubro de 2023

O director xeral de Inclusión Social da Xunta, Arturo Parrado, destacou hoxe que Galicia conta desde o ano 2019 cun Plan de atención ás persoas sen fogar, con máis dun centenar de medidas desenvolvidas por distintos departamentos autonómicos que tratan de dar unha resposta integral e personalizada á xente que está nesta situación. Díxoo na presentación dun convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e Xuventude e a Cruz Vermella que dá continuidade durante todo este ano ao programa de acompañamento e persoas sen fogar, financiado pola Administración autonómica con 170.000 euros.

 

No marco deste programa trabállase tanto con persoas que están en situación de rúa, como coas usuarias de albergues e outros recursos da rede de atención específica ás persoas sen fogar. A través desta iniciativa reciben información e son derivadas aos servizos pertinentes, dispoñen de asesoramento social e legal, así como de acompañamento especializado para a súa inclusión social e residencial. Tamén se presta soporte aos concellos que traballan con persoas sen fogar cando o precisan e se realizan labores de concienciación sobre a problemática do senfogarismo dirixidas á sociedade no seu conxunto.

 

O director xeral puxo en valor o feito de que hoxe, Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, a Xunta traballe da man de entidades de iniciativa social como Cruz Vermella para promover a igualdade e a participación social plena de todas as persoas, especialmente daquelas máis vulnerables como é o caso das persoas sen fogar.

 

Axudas a concellos e entidades sociais

Neste sentido, Arturo Parrado lembrou que a Consellería de Política Social e Xuventude conta nas súas convocatorias de subvencións para concellos e entidades de iniciativa social con liñas de axuda dirixidas de forma concreta e específica ao desenvolvemento de programas para persoas sen fogar.

 

Así mesmo, apuntou que a estas subvencións hai que engadir axudas para a cobertura de necesidades básicas ou para o funcionamento de centros como albergues ou comedores sociais. En conxunto, o Goberno galego inviste máis de 3 millóns de euros ao ano nestes programas específicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/10/2023