O presidente da Xunta participou hoxe na inauguración do III Foro empresarial pola igualdade
Rueda anuncia que a Xunta destinará máis de 2,2 M€ en 2024 a un plan para formar e contratar 300 mulleres en sectores fortemente masculinizados
Adianta que as empresas recibirán ata un máximo de 7.500 euros por cada muller que acade un contrato de traballo
Valora que esta iniciativa “pioneira” entre as comunidades axudará a romper estereotipos, á vez que se suma a outras medidas do Goberno galego para facilitar a incorporación da muller ao mercado laboral en postos cuxa presenza “non é a que debera”
Vigo, 17 de outubro de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia coa igualdade e, neste marco, anunciou que o Goberno galego destinará o próximo ano máis de 2,2 millóns de euros para formar e contratar a unhas 300 mulleres para que se incorporen a sectores laborais fortemente masculinizados. Para iso, precisou que se outorgará ás empresas que participen ata un máximo de 7.500 euros por cada muller que acade un contrato de traballo.
Así o avanzou hoxe durante a inauguración do III Foro empresarial pola igualdade, organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra, e que nesta edición está centrado no ámbito da dixitalización. Precisamente, citou o eido dixital e das novas tecnoloxías entre os distintos campos nos que as mulleres aínda están infrarrepresentadas e nas que o “talento feminino debería estar máis presente”.