O sábado 21 terá lugar na Alameda compostelá a final da especialidade de Arte Urbana do Xuventude Crea 2023, na que 8 mozos e mozas farán os seus traballos en directo

A artista internacional do mundo da arte urbana Lady Pink chega a Galicia da man do programa da Xunta Xuventude Crea

O Goberno galego organiza un coloquio este venres no CGAC no que participarán, ademais desta pioneira do graffiti, creadoras, investigadoras e galeristas do panorama galego e nacional

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia organiza esta fin de semana unha ampla programación centrada na difusión da arte urbana, poñendo o foco no papel da muller neste ámbito, coa participación de persoas de relevancia no panorama galego, nacional e internacional. No marco do programa Xuventude Crea, a recoñecida artista Lady Pink chega a Galicia da man deste programa do Goberno galego e, deste xeito, protagonizará un evento este venres 20 no CGAC a partir das 18.00 horas.

Previamente á súa charla organizarase un coloquio no que estarán presentes a graffiteira galega Sax; a comisaria do festival Delas Fest, Clara Rodríguez Cordeiro; o comisario e director da galería “Canal Gallery” de Barcelona, Balu; e a doutoranda de Historia da Arte e comisaria de exposicións, Amabel González Troncoso.

A maiores, o sábado 21 terá lugar a final da especialidade de Arte Urbana do Xuventude Crea 2023, na que 8 mozos e mozas farán os seus traballos en directo no centro da Alameda compostelá. Nesta ocasión, Lady Pink asistirá como xurado convidada, o que favorece o recoñecemento e relevancia dun certame que leva, desde 2010, promovendo a creatividade e talento da mocidade en diferentes disciplinas artísticas. 

Lady Pink, artista pioneira do graffiti

Lady Pink naceu en Ecuador e creceu en Nova York. Cando comezou a escribir graffiti aos 15 anos, axiña se deu a coñecer como a única muller capaz de competir cos rapaces na subcultura do graffiti durante o período 1979-1985. Comezou a expoñer obras en galerías cando aínda estaba no instituto e con 21 anos realizou a súa primeira exposición individual.

 

Os lenzos de Lady Pink entraron en coleccións como o WhitneyMuseum, o MET NYC, o Brooklyn Museum, a Tate Modern de Londres, o MoMA NYC, o Museum of Fine Art de Boston e moitos outros. Creadora de murais en todo o mundo, na actualidade realiza obradoiros de murais con estudantes e dá conferencias activamente en universidades dos Estados Unidos.

Data de actualización: 16/10/2023