Miguel Corgos trasládalle aos empresarios o compromiso da Xunta coa estabilidade para atraer investimentos a Galicia

O Conselleiro de Facenda e Administración Pública reuniuse hoxe co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia para falar dos Orzamentos do vindeiro ano

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2023

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, trasladoulle hoxe ao presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, o compromiso da Xunta coa estabilidade para seguir atraendo investimentos a Galicia.

Como é habitual nestas datas, o conselleiro reuniuse este mediodía cos representantes dos empresarios para falar das principais liñas das contas do vindeiro ano.

Neste sentido, tamén lles explicou que os orzamentos do vindeiro ano consolidarán todas as rebaixas fiscais aprobadas ata o de agora polo Goberno galego e que ademais incluirán novas baixadas de impostos. Por un lado, unha baixada do 8 % ao 3 % no imposto de transmisións (ITP) dos vehículos de segunda man e a súa eliminación no caso dos eléctricos cualificados de cero emisións, e a baixada do tipo xeral do ITP do 9 % ao 8 % para a compra de vivenda usada.

Ademais, lembroulles que en canto ao crecemento, o Goberno autonómico prevé un avance do 1,8 % no 2023, unha décima máis do previsto nos orzamentos vixentes. E que en canto á taxa de paro, para este 2023, a Xunta prevé que a media do ano se sitúe por primeira vez desde hai 15 anos por debaixo do 10 %, en concreto no 9,8 %.

Para 2024, seguirase a consolidar o crecemento económico, cunha taxa estimada no entorno do 2 %, e a taxa de desemprego seguirá baixando, en concreto outras catro décimas, ata o 9,4 %.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2023