O conselleiro do Medio Rural e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participaron no acto de promoción celebrado na Casa de Galicia da capital de España

A Xunta promociona a excelencia dos viños galegos en Madrid e sitúa á nosa comunidade como referente enoturístico

José González puxo en valor a longa traxectoria das Catas de Galicia, que levan 35 edicións impulsadas polo Goberno autonómico para recoñecer e premiar o bo facer dos produtores e adegas da nosa terra

Remarcou a importancia para o sector do viño de iniciativas como os polígonos agroforestais amparados pola Lei de recuperación da terra ou a futura Lei de calidade alimentaria, así como as liñas de axudas da Xunta para apoiar este eido produtivo

Madrid, 16 de outubro de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou esta tarde nun acto de promoción dos viños gañadores nas Catas de Galicia 2023, na Casa de Galicia en Madrid.

Alí, José González puxo de relevo a longa traxectoria das Catas de Galicia, que levan xa 35 edicións impulsadas polo Goberno galego co obxectivo de recoñecer e premiar o bo facer dos produtores e adegas da nosa comunidade. Neste sentido, o conselleiro definiu o proceso de elaboración do viño como complexo e como “unha verdadeira arte”.

Nesta liña, González subliñou que en cada copa de viño galego hai unha historia dunha produción de calidade, a través da que os sentidos nos transportan a unha paraxe determinada ou a unha variedade característica. Así, exemplificou esta excelencia nos gañadores dos acios de ouro deste año: Abelán (da denominación de orixe Rías Baixas), en brancos, e Viña Vella (da DO Ribeira Sacra), en tintos.

Calidade

Nesta liña, e en relación coa calidade, o conselleiro fixo especial fincapé en que nas Rías Baixas, por exemplo, prodúcese “un dos mellores viños brancos do mundo”, como xa dixera a semana pasada na presentación do plan director desa denominación de orixe, e reiterou que o viño desta DO está “posicionado”.

Sobre o mellor tinto da nosa comunidade, González indicou que este viño fai honor tanto á variedade Mencía como á propia Galicia, “transportando a quen o proba aos bancais sobre o Río Miño”, na Ribeira Sacra. Por iso, concluíu, falamos de viños que “tamén falan pola terra e que permiten facer territorio a través deles”.

A maiores, o conselleiro trasladou que Galicia non só aspira a producir viños de calidade, senón que tamén quere ser principal destino enoturístico. De aí que -engadiu- a Xunta estea comprometida en promocionar viño e territorio, en conxunto, algo que se plasma na Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia e lembrou que ademais de Rías Baixas e Ribeira Sacra tamén se produce viño de calidade no Ribeiro, en Monterrei e en Valdeorras.

Potente base económica

Todo isto, sinalou o conselleiro, fundamentado nunha potente base económica e, neste contexto, lembrou as diferentes liñas de axudas da Consellería a prol do sector. Achegas como as destinadas a elaborar e comercializar produtos vitivinícolas (13 millóns de euros nos últimos cinco anos), á promoción en terceiros países (5,7 millóns de euros) ou para a reestruturación de viñedos (outros dez millóns de euros máis).

En parecidos termos, o titular de Medio Rural destacou tamén a importancia para este sector de iniciativas como os polígonos agroforestais, dentro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, dixo que esta figura normativa “permite sumar hectáreas aos viñedos, sumar quilos de uvas ás producións e sumar viños de calidade ás nosas denominacións”. O conselleiro fixo tamén referencia a outra lei, a da calidade alimentaria. Recordou que se atopa en trámite parlamentario e que incidirá no obxectivo de facer da excelencia o emblema dos produtos galegos, incluído, por suposto, o viño. Nesta liña, mencionou a “marca Galicia” como selo de identidade vinculado aos viños da nosa comunidade autónoma.

Precisamente, en relación coa produción de viño en Galicia, cómpre destacar que a vendima de 2023 foi a máis abondosa da última década e estivo preto de superar a mellor da historia, ao chegar aos preto de 77,4 millóns de quilos de uva recollidos. Neste proceso participaron as máis de 400 adegas existentes na nosa comunidade.

Programa do acto de promoción

O acto de promoción desta tarde na Casa de Galicia promovido pola Consellería do Medio Rural comezou cunha clase maxistral titulada “Domesticación da vide en Galicia”, a cargo de Alejandro Padín, coautor da Guía de viños destilados e adegas de Galicia e especialista na materia.

A continuación, tras a intervención do conselleiro, procedeuse á apertura do “Túnel de harmonías de Galicia”, no que se combinaron viños, augardentes e licores tradicionais da nosa comunidade premiados nas Catas de Galicia 2023 con produtos galegos con indicativo de calidade “Experiencias de Calidade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2023