A Xunta ratifica a súa aposta polos empregos verdes na clausura dun obradoiro dual no que colaboraron 8 concellos coruñeses

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou no acto de peche dunha acción que involucrou unha vintena de persoas desempregadas de Abegondo, Bergondo, Carral, Oza-Cesuras, Betanzos, Coirós, Paderne e Sada

O Goberno galego investiu máis de medio millón de euros neste obradoiro que apostou pola formación e polo traballo remunerado ao longo de 12 meses nos campos da conservación e mellora de terreos forestais e da xardinería

No período 2023-2024, o investimento en obradoiros duais rozará os 40 millóns para chegar a uns 1.400 beneficiarios

Abegondo (A Coruña), 16 de outubro de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe na clausura do obradoiro de emprego dual Reserva de Biosfera: Emprego Verde II, que implicou os concellos de Abegondo, Bergondo, Carral, Oza-Cesuras, Betanzos, Coirós, Paderne e Sada. En total, a Xunta investiu máis de medio millón de euros nesta iniciativa que apostou pola formación e polo traballo remunerado para 20 persoas desempregadas ao longo de 12 meses, nos campos da conservación e mellora de terreos forestais e da xardinería.

Co gallo de acadar os correspondentes certificados de profesionalidade nas especialidades de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes ou na de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, o alumnado realizou o mantemento e conservación de montes, camiños e zonas forestais ou verdes nos distintos concellos involucrados ou o manexo e produción de plantas forestais en invernadoiros e axardinamentos.

Esta experiencia resultará esencial para dotar de persoal preparado un sector estratéxico para a economía galega, co foco posto na súa contorna máis próxima ou onde se poida requirir do seu bo facer.

Os obradoiros son ferramentas fundamentais para dotar á poboación de formación de calidade, ao tempo que se desenvolve un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social. Este ano a Xunta destina cerca de 40 millóns de euros a organizar talleres por toda Galicia cos que espera beneficiar unhas 1.400 persoas desempregadas.

Estas accións, que priorizan como beneficiarias a persoas desempregadas con dificultades para acceder ao mercado de traballo, contribúen a reforzar a colaboración da Xunta de Galicia coas entidades locais.  

Desde o ano 2009, Galicia leva destinados máis de 412 millóns de euros aos obradoiros, nos que se formaron máis de 17.700 persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2023