A Xunta inviste preto de 800.000 euros en dous obradoiros de emprego dual en Rianxo para o mantemento de montes e doutras zonas verdes

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe na inauguración dun obradoiro para levar a cabo repoboacións forestais, silvicultura e mellora de montes; e puxo en valor outro para a instalación e mantemento de xardíns

Ambos contan con 15 participantes cada un e cunha duración de 12 meses, para proporcionar formación e práctica laboral que axuden a dinamizar a contorna ao tempo que se fortalecen sectores económicos fundamentais

No período 2023-2024, o investimento en obradoiros duais rozará os 40 millóns para chegar a uns 1.400 beneficiarios
 

Rianxo (A Coruña), 16 de outubro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, estivo hoxe en Rianxo para inaugurar un obradoiro de emprego dual e poñer en valor outro a piques de rematar, cun apoio global por parte da Xunta de Galicia de preto de 800.000 euros. Así, o primeiro permitirá levar a cabo repoboacións forestais, silvicultura e mellora de montes; mentres o outro céntrase na instalación e mantemento de xardíns e doutras zonas verdes.

Ambas iniciativas contan con 15 participantes cada unha e cunha duración de 12 meses, así como cun orzamento próximo aos 400.000 euros. Primeiramente, a conselleira referiuse ao obradoiro Monte noso, que prevé arrancar en novembro con repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, ademais de con actividades auxiliares de conservación e mellora de montes, en beneficio de terreos de diferentes comunidades de montes de Rianxo.

Mentres, o que está preto de clausurarse é o obradoiro dual Pazo de Rianxiño, que neste caso proporciona certificados de profesionalidade en instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Nesa liña, os participantes contribúen ao mantemento e mellora dos xardíns e arborado do Pazo de Rianxiño e doutros espazos de Rianxo, con rozas, podas ou apeos.

Así, Elena Rivo sinalou que toda esta experiencia resulta esencial para dotar de formación e práctica laboral ás persoas desempregadas participantes, co gallo de dinamizar a contorna na que viven ao tempo que se fortalecen sectores económicos fundamentais.

A Xunta destina este ano case 40 millóns de euros a organizar talleres por toda Galicia cos que espera beneficiar unhas 1.400 persoas desempregadas. Desde o ano 2009, lévanse destinado máis de 412 millóns de euros a estes obradoiros, nos que se formaron máis de 17.700 persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2023